O coche

UN COCHE leva parado varios días (semanas?) no mesmo sitio do aparcadoiro do estadio de San Lázaro, en Santiago. O mércores, tirando de civismo, deume por anotar a matrícula para mirar se saía nunha desas webs de ‘axudámoste a recuperar o teu coche roubado’, que hai unhas cantas (e algunhas piden recompensa), pero non foi o caso. O vehículo, un dúas portas gris, ten roupa tirada no asento de atrás, onde tamén hai un libro para escoller nomes de bebé: é dicir, un deses que anuncia a proximidade dun acontecemento gozoso. Un coche así é todo un misterio para os curiosos coma min: pasaríalle algo ao dono? Morrería? Sairía pasear e non volveu, como eses vellos que se desorientan? Roubáronllo? Ou o propietario estará na cadea? Discorrendo sobre isto último, acórdome de ‘Límite: 48 horas’ (vina hai dúas semanas na tele), na que a personaxe de Eddie Murphy deixa no maleteiro do seu coche, mentres el cumpre condea, un maletín con cartos. Claro que, para maleteiros de cine, o que aparece no mítico comezo de ‘Sed de mal’, no que introducen unha bomba.

O coche de San Lázaro ten matrícula, xa digo, e as rodas non están rodeadas de herbas, o que significa que aínda lle falta para ser un residuo na rúa, listo para retirar. É, dicir, por agora, só é un coche (ben) aparcado, pretexto para un desvarío xornalístico sobre o que din de nós as cousas que usamos cando non as estamos utilizando.

Tags: ,

Comenta

*