O rival

HAI NA familia estes días un debate de carácter futbolístico. O Celta é o equipo favorito, cousa imaxinable tendo en conta a nosa procedencia, e iso que por parte materna hai sangue coruñesa (padronesa, para ser máis precisos). O debate é pola actual situación do Deportivo, afundido nos abismos da clasificación da Primeira (iso que agora chaman Liga BBVA). Hai na casa quen leva tempo desexando o seu descenso, disposto a facer festa. Outros, en cambio, preferimos que tal cousa non ocorra, a pesar de que un Deportivo-Lugo tamén resultaría atraente. Pero é que as eternas rivalidades non son nada se non hai rival. Hai quen di que é máis doado cambiar de relixión que de equipo de fútbol, o cal explica o carácter atávico e irracional que ten este tipo de querenzas. Xogar en Primeira (por suposto, as nosas cores sempre son de primeira, sexan cales sexan) e non ter opción de gañar os dous derbis da tempada, non ver sufrir ao rival ata o derradeiro partido de Liga, non poder deleitarse coas súas derrotas ante equipos aos que machacamos… sería como se nos faltase algo. É pura socioloxía ou psicoloxía ou o que sexa: non hai nada que una máis que un rival común, e máis se é o da outra beira do río. Que sería do Madrid sen o Barça, de Batman sen o Joker, de Microsoft sen Google, do Celta sen o Dépor? E de nós sen ese irmán pesado e cabrón co que competimos polos aloumiños da nosa nai? Pois iso. E moito nos fai sofrer este ano o puto eterno rival.

Tags: , ,

Comenta

*