No portal

AS caixas de correos, en especial as dos bloques de pisos, contan moitas historias. Non é só o seu aspecto, un chisco ameazador, con esa boca negra que semella que te pode devorar en calquera momento ou, xa postos, atrapar a man do curioso que decide fisgar no correo do veciño. Hai días, no meu edificio, había no descanso do primeiro uns enormes sacos de plástico rotulados cun nome que coincidía co que aparecía na respectiva caixa de correo. Ao día seguinte, nesta última xa había outro nome: o recipiente para o correo facía unha elipse dun día na que botaba a unha persoa dunha casa e substituíaa por outra. Tamén din moito os carteis cos nomes: están os veciños que se identifican de xeito institucional, con letras de imprenta (antes) ou impresora, sen esquecer os que prefiren a variante metálica, que ese rótulo é xa un luxo. Despois están os veciños máis apurados, que optan por escribilo a man, convencidos de que a súa letra é ben lexible. E non faltan os que aproveitan outros elementos, sexa un cacho dunha carta que recibiron ou unha das súas tarxetas de visita. Os borróns nos carteis son outros contadores de historias: falan de pisos de alugueiro, con inquilinos cambiantes, ou de divorcios ou rupturas ou a separación definitiva, ai!, que é a da morte. E en medio desas historias chega o carteiro, apurado… e deixa fóra das caixas algunhas cartas que narran outras historias privadas á vista de todos.

Tags: ,

Comenta

*