Frases
UNHA foto da miña sobriña pequena, pelexando coa roupa, faime recordar, por esas estrañas asociacións que fai a miña mente, un dito que se oía moito tal día como este domingo pasado, polo menos na miña casa: “Quien no estrena en Ramos, es que no tiene manos”. Recoñezo que é unha parvada, pero por uns intres sentinme impelido a cumprir a tradición. Por sorte, nese momento de apuro apareceron nun caixón uns calcetíns negros sen estrear, que me puxen, sorrindo, a xeito de homenaxe aos meus maiores. Inmediatamente pensei noutro día do ano no que os máis vellos recomendaban estrear roupa, máis que nada por superstición, e dicían algo así: “O que estreas no primeiro de ano permanece novo todo o ano”. A vida está chea de refráns, frases feitas e ditos populares, que moitas veces teñen uns límites temporais e mesmo espaciais. Por exemplo, só na Mariña oín aquilo de que dúas persoas “teñen unha amizade”, para referirse a que están moceando; noutras zonas (segundo me contan) úsase, co mesmo significado, “Estes dous fálanse”. Esta variedade, que tanto se agradece, ten o seu cumio en datas como estas, cando sempre hai alguén que che pregunta se a cita é “pola vella [hora] ou pola nova”. Pero a que máis me gusta, habitual nestes días en que vai anoitecendo máis tarde, é todo un clásico dos nosos maiores: “Xa se lles coñece aos días”, unha frase certa mesmo sen cambio de hora.
Na foto, o Pico Sacro, entre lusco e fusco… porque xa se lle coñecen aos días
Tags: De re varia, linguaxe