Nada

JUAN di: “Busco algo en nada”. Quere dicir que se pon de seguido a ampliar unha nova que nos acaban de dar, pero, sen decatarse, quédalle unha frase metafísica, ontolóxica (e, se cadrase, antolóxica). Buscar algo na nada debe de ser un empeño, ademais de difícil, probablemente desesperante, aínda que ás veces a nada resulta máis produtiva do que cabía agardar. E venme á cabeza esa porca que Felipe colle do chan, porque, segundo lle explica a Mafalda, “todo serve para algo”, ao que a nena replica “pero nada serve para todo”. “Nada” era o que contestabas cando os maiores preguntaban que estabas a facer, ao que na miña casa eles retrucaban cambiando o adverbio polo verbo: “O que nada non se afoga”. De nadar e gardar a roupa saben moito os políticos, e apreciarase máis neste ano interminablemente electoral. Aínda que, falando de terminar, á nada final era ao que me refería eu sempre cando a miña nai viña con algúns dos seus consellos paramédicos: Tal cousa, dicía ela antes, “é mala para a saúde”, e eu respondía que o único malo para a saúde é vivir, que é a única actividade que remata na morte queiras ou non. Antes de chegar a esa inabarcable e maiúscula Nada (substantivo), podemos ver o variado uso musical que ten o adverbio, sexa Luz Casal (‘No me importa nada’) ou Esclarecidos (‘No hay nada como tú’). Isto último é, por certo, o que soa mentres escribo este artigo a partir da/de nada.

ENGADIDO

E despois de publicado este artigo, recordo que no meu borrador mental aparecía unha ‘Nada’ máis, a novela que lle valeu a Carmen Laforet o primeiro premio Nadal e que tanto nos ocupou nos nosos anos universitarios.

Tags: , ,

Comenta

*