Torto

ESTE mundo está sometido a una especie de ditadura da liña recta. Dinche que ese é o camiño máis curto entre dous puntos, obrigan a que sentes recto, a que escribas recto e a cousa chega ata a recomendación de que te comportes con rectitude na túa vida, concepto que vén significando honestidade, ou sexa, facer o co-rrecto. Porén, este mundo no que todo ten o seu contrario non sería o mesmo se non existisen as curvas, as retortas e, indo máis aló, o tortuoso, o torturado. Arte é tanto un cadro cheo de liñas rectas de Mondrian como a famosa cara torta e berrona de Munch. Un devece por transitar autopistas rectas que o leven cara ao seu destino, pero é probable que o coche que te leva apareza na publicidade rodando por complicadas estradas de montaña. Galicia está invadida de árbores de porte e tronco rectos, como piñeiros e eucaliptos, aínda que un dos principais símbolos rexionais é ese carballo que moitas veces, co paso dos anos, adopta torturadas formas, moi fotoxénicas. E, en fin, falan de vidas rectas, pero a literatura, o cine e a creación en xeral case non existirían se non fose polas vidas tortas, tortuosas e, moitas veces, torturadas nas que nos embarcamos ou que nos rodean. E, por suposto, como todo ten sempre a súa excepción, hai curvas a promocionar, como as dunha top-model,  e rectas das que é aconsellable fuxir, como as dun electroencefalograma. Non todo, en suma, é tan recto.

Tags:

Comenta

*