Eses libros

FALANDO con Juan sobre unha obra seudoliteraria dun coñecido común, chanceei con que “é a típica que se un día me chama un tal Hitler para pedirme libros para queimar, non me importaría deixarlle ese”. De seguido confesei que iso era unha arroutada, primeiro,porque quero moito os meus libros; segundo, porque queimalos paréceme unha vileza, igual que, por exemplo, destrozar un xacemento arqueolóxico en Nínive. Hai lustros, oínlle a un locutor de radio (o finado Fernando Poblet, creo) pedir que, se tes frío, non queimes libros, senón billetes, que arden mellor. De queimas de libros sabemos moito neste Occidente civilizado, sen necesidade de remontarse ata a Inquisición.  E nos capítulos sexto e sétimo da cima da literatura española hai unha pira de libros, precedida dun impagable “donoso escrutinio” da biblioteca do enxeñoso fidalgo. A verdade é que na miña hai pezas que, obxectivamente, merecerían desaparecer ou, polo menos, mandalas para o rocho confiando en que as leve por diante algunha fuga de auga. Son libros de compromiso, algúns procedentes daquelas roldas de prensa que tan marabillosamente glosou María o sábado. Teño algún que ideoloxicamente apesta, pero ten dedicatoria persoal do autor… ben, persoal de todo, non, que confunde o apelido. Penso que a solución ao meu dilema vai ser deixárllelo aos meus herdeiros… aínda que igual daquela xa nin saben que é iso que está nese moble da parede.

Tags: ,

Comenta

*