Pantuflas de andar por… fóra

VOLVO a cruzarme pola Ronda da Muralla cun señor maior en pantuflas. A primeira vez que o vin, hai semanas, estrañoume moito, mais despois descubrín que o home debe de baixar así todos os días, contra o mediodía, á rúa, sen importarlle chamar a atención nun lugar tan céntrico. Polo meu barrio teño visto a algunha muller en bata, que camiña tranquilamente, ás veces con complementos como unha chaqueta (a bata por riba dos ombros, obviamente) ou un paraugas. E este domingo á noite, xa na madrugada do luns, cruceime, tamén preto da Ronda, cunha rapaza que camiñaba en pixama, tapada cun abrigo, iso si. En todas as redaccións serias nas que traballei atopei a alguén que traballaba en calzado de andar por casa. Nunha delas contaban que ao xornalista que o facía mesmo lle dera  para titular unha sección: ‘Mis entrevistas en zapatillas’ (ou algo así). A lenda dicía que as facía na redacción e que unha vez que tivo que ir fóra para a entrevista, levou as pantuflas con el. A todos máis ou menos acostúmanos a vestir de xeito diferente na casa e fóra, pero agora parece que está ben visto lucir no exterior prendas de interior, como corsés ou pixamas. E ao final, entre o teletraballo e a conexión perpetua vía móbil, nube ou o que sexa, non haberá xeito de distinguir cando estarás traballando ou na casa. Así que vai resultar que os das pantuflas e a señora da bata son, realmente, uns avanzados.

Tags: ,

Comenta

*