Vida e fútbol

VIN hai unhas semanas na tele un debate deportivo, no que participaba José Luis Garci, sobre se este Barcelona é o mellor equipo de fútbol da historia. Aínda non sendo madridista, paréceme esaxerar un pouco; ademais, eu preferiría que se dixera iso, algún día, do meu Celta (un deses equipos que ten sufridores, máis que afeccionados) ou deste Lugo que fai soñar e que oxalá non sexa un remar e remar para morrer na beira… Dándolle as voltas ao cualificativo ‘histórico’, penso tamén que a vida é curta: moitos naceron e morreron sen ver a España gañar un Mundial do deporte favorito dos españois despois da envexa: o fútbol. Así que a xente normal dálle una transcendencia quizais esaxerada a un acontecemento como ese ou como o Barça dos seis títulos ou como a novena Copa de Europa (perdón: Champions) do Real Madrid, que, no fondo, non deixan de ser notas a pé de páxina no libro da historia en maiúsculas. Á marxe do fútbol, no fondo de todo isto está esa cuestión, nunca resolta, da nosa inmortalidade: gustamos de pensar que vivimos nalgún momento interesante da Historia, igual que todos queremos pasar polo mundo deixando algún recordo, sexa un fillo, unha obra artística, unha xestión… algo que nos faga pensar que isto non foi un triste, miserento e desacougante vivir sen máis.

Tags: ,

Comenta

*