No cine

DESPOIS de ver (de esguello) na redacción a gala dos Goya, antollóuseme ir ao cine; había moitos meses que non facía iso, que tanto me gustaba nos meus anos universitarios, de ver unha película nunha pantalla desmesurada, a escuras, acompañado de descoñecidos e (polo xeral) en silencio. Vin a carteleira e optei por ‘También la lluvia’, imaxinando que, en vista do pouco éxito que tivera na gala do cine español, non ía chegar ata o fin de semana, como así foi. E resultou ser unha inmersión na triste realidade do cine en España (e pode que no resto do mundo). Era un día de entre semana e, para empezar, as entradas vendíanse no ambigú interior. E non é só que xa non haxa acomodadores, esa especie extinguida hai tempo, é que tampouco quedan os que cortan o tique. Dado que os proxectores son automáticos, por uns intres pensei que o multicine (creo que en España tampouco quedan as salas individuais de toda a vida) só era atendido por unha persoa, a rapaza que vendía os refrescos e as entradas. Pero non: había máis xente. Soubémolo cando comezou a película e a metade da pantalla quedaba desenfocada e ao final apareceu, previo aviso, un rapaz para subir á cabina de proxección e arranxar a cousa. A todo isto, na sala estabamos tres, e non vimos moita máis xente circulando polo cine. Pero como os amantes do cine en sala somos tipos masocas, decidín volver a pasada fin de semana, na esperanza de que recuperaran a gran gañadora dos Goya, ‘Pa negre’, que só estivo unha semana en novembro en Lugo (seino porque o mirei no arquivo do xornal). Pero a miña esperanza viuse frustrada: non a recuperaran. Oes, igual que en Vigo. Que sorte ser coma a cidade galega máis poboada!

Tags: ,

19 Comentarios a “No cine”

  1. lola

    Este comentario non é propio de min,dado o meu optimismo

    desbordante,mais…

    … D. Ángel,hai películas que nunca veremos en Lugo nin en

    Galicia…

    Ala Celta!

    http://www.youtube.com/watch?v=wEFugVbzsSo

Comenta

*