A man

ACHÉGASE a única época do ano na que uso o servizo postal para enviar textos escritos do meu puño e letra, aínda que recoñezo que cada vez son menos. Resulta máis cómodo mandar a felicitación de Nadal por correo electrónico, pero cubrir un anaco de papel cun (pequeno) texto ten para min moito de tradición, ademais de reto, porque procuro saírme do habitual “Bo Nadal e feliz Aninovo”. Co reencontro do instituto que vivín este verán, recuperei na casa dos meus pais unha chea de cartas daquela. Pero eran outros tempos, cando chamar por teléfono era caro e o mellor era escribir cartas. Repasando algunhas, atopo auténticas xoias, como a do amigo que me remitiu un texto de varios folios contido case na súa totalidade dentro duns parénteses: era un xeito de rirse da miña paixón polos parénteses (que é evidente que non diminuíu). Facías debuxos, xogabas co tamaño das letras, usabas cores, pegabas fotos… ou sexa, o mesmo que podes facer agora cun ordenador. O mellor destas postais de Nadal é que debe de ser unha das poucas épocas do ano en que nas caixas do correo das casas hai algunha carta escrita a man: cóllela e sénteste estraño, como se fixeras unha viaxe no tempo. Neses días, recordo cando me compraron a máquina de escribir coa que fixen a carreira; alguén avisou de que así ía escribir peor a man. Acórdome cando vexo as miñas inintelixibles notas das roldas de prensa ou, precisamente, os textos desas postais de Nadal.

POST SCRIPTUM

Na columna da última non tiven espazo para recordar, por exemplo, os feixes de cartas do meu pai que conserva a miña nai, de cando moceaban ou de cando el estivo en Holanda. Algunhas eran postais como esta, mesmo coloreadas, que agora semellan repipis pero que daquela era o que se levaba. Aínda que, máis que a foto, devecía por recuperar esta canción de Vainica Doble, de impagable letra, que é, precisamente, dos meus tempos universitarios (e, por certo, vou publicar o artigo o día en que lle dan o Premio Nacional de Músicas Actuais a alguén que fixo popular ten unha canción escrita por unha das integrantes do dúo):

Tags: , ,

Comenta

*