10. Cuestión de idades
LEO NUN xornal unha entrevista con Manuel Fraga. Canto cambia o conto: hai catro anos, era o protagonista de tódolos días e agora aparece de cando en vez, como o pasado domingo en Portomarín. O veterano senador e ex presidente da Xunta recoñece que xa ten “unha idade”, pero ponse á disposición do partido para o que fora mester. E lánzalle un recadiño a Núñez Feijoo: que conte cos veteranos do partido. O cabeza de lista do PP xa respondeu de forma académica: os consellos de don Manuel sempre son benvidos. É un xeito cortés de dicir “xa veremos”.
Don Manuel elevaba moito a media de idade dos candidatos nas eleccións de 2005. Nestas, todo o mundo móvese nunha mediana idade. Non hai moitos xubilados nas listas, se é que hai algún. Tampouco é abundante a presencia de mozos: mellor dito, si que están, pero en postos simbólicos, con escasas opcións de escano, polo menos na provincia de Lugo. E aínda que o BNG e o PSOE sempre levan por bandeira a renovación, desta é o PP o que lles gaña pola man en cuestión de xuventude da súa cabeza de lista: de feito, tanto Ricardo Varela como Fernando Blanco andan na cincuentena, o segundo, a partir do vindeiro verán, mentres que Raquel Arias aínda acaba de entrar, coma quen di, nos corenta. Claro que o importante, como diría o propio don Manuel, non é ser novo de corpo senón de espírito.
Carro
No mesmo xornal leo unha entrevista con Aurora Carro, a luguesa que preside a federación de viúvas de Galicia. Puntúa cun 6 ao bipartito e recoñece que ten ido un par de veces a actos con Anxo Quintana, de quen di que é “un home agradable”. Vén ser a mesma muller que hai moitos anos (quizais no 93?) aspirou a ser a cuarta deputada do PP por Lugo no Congreso, cando a provincia aínda tiña cinco representantes na Cámara baixa.
Spots
O de eliminar os espazos acoutados para propaganda electoral fai que os anuncios dos partidos nos sorprendan no momento máis inesperado mentres vemos a tele. Por exemplo, aparece a vella de Touriño (a de “e a familia?”) antes de Martín Barreiro ou un tipo empeza a falar con Quintana cando ves de despedir a Alfonso Hermida. Aínda que o máis estarrecedor foi oír o Cara al sol no intermedio dunha película nocturna. Claro: a Falange non debe de andar moi ben de cartos e os seus spots van de madrugada, só aptos para incondicionais.
Tags: idades, Manuel Fraga