Dedo azul

O PORTÓN do maleteiro do coche decidiu hai uns días agredir a dous dos meus dedos. Ao polgar deulle de lado, dun xeito inapreciable, pero o índice pillouno de cheo. Primeiro púxenme branco eu (doe bastante, si) e ao día seguinte o que cambiou de cor foi o dedo, cun azul que vai mudando de tonalidade e intensidade a medida que pasan os días. Como é unha cousa que se cura soa con tempo e algunha pomada, decidín rirme do asunto: dicía por aí que me estaba a converter nunha personaxe de ‘Avatar’, a peli de James Cameron, ou nun dos Pitufos, ou ameazaba aos compañeiros con aquel dedo grimoso. Primeiro pensei que era unha sorte que fose na man esquerda, porque son destro, pero cambiei de opinión cando ao día seguinte vin as estrelas no momento en que apoiei o dedo no garfo para cortar un filete. Pechar os botóns dos vaqueiros, eses metálicos, tan duros eles, nos que tes que facer presión, tamén se converteu nun labor complicado. E caes na conta de que unha das principais diferenzas entre nós e outras especies vén dada precisamente por un dedo, ese polgar que nos permite coller cousas. E tamén recordas que no corpo humano hai poucas pezas que sobran: todas valen para algo. Este índice azul, por exemplo, é o que escribe a primeira letra do meu apelido nun teclado. Ás veces manda, impositivo, e seica é moi aristocrático coller copas con el estirado: ao final, consolareime pensando que é azul porque leva sangue azul.

(Si, a mesma man do fotograma, aínda que esa non é a miña)

Tags: ,

Comenta

*