Ler no trono
NALGUNHA web, alguén expresou, hai anos, o seu desexo de que as etiquetas dos champús tiveran máis texto. Era, segundo comentaba o que mo contou, o soño de alguén que le nese tempo morto que todos pasamos (con máis ou menos regularidade) sentados no inodoro, no que algún chama ‘o trono’. Así o denominaba alguén que coñecín, que aseguraba que acompañaba esa operación cun xornal e o primeiro cigarriño do día. Outros preferimos ler revistas, tanto porque o formato é máis manexable que o dun xornal como por un certo respecto cara aos teus colegas de profesión, aínda que hai xente que fai de todo nese momento: dicían que Luis XIV facía de ventre rodeado dos seus cortesáns, e disque Valdés, o porteiro do Barça nos últimos anos, gravou unha mensaxe en vídeo na que ao final se oe como tira da cisterna. Por suposto, mesmo alí chegaron as tablets e os móbiles, e ata hai circulando por internet un ouriñal con pantalla incorporada, para que os nenos se vaian afacendo a estar sempre conectados. Coñecín xente que tiña pequenas bibliotecas no baño, e, polo que me dixeron, o mesmo pasaba na casa dalgún exministro galego (non, ese non). Aínda que o mellor que vin nunca sobre lecturas no baño contábao José Luis Coll en ‘Sal y Pimienta’, revista predecesora de ‘El Jueves’, onde o finado humorista chanceaba con que el alí lía a Enciclopedia Británica. A Borges, adicto a esa obra, teríalle encantado sabelo.
NOTA: O título primixenio desta columna era ‘Ler na taza’, pero tropezou co Dicionario. E despois de escribilo, descubrín esta curiosa páxina de Facebook.
Tags: De re varia, lectura, texto íntegro