Mitos fóra!
UN XORNAL deportivo está a vender as fins de semana unha colección de Mazinger Z en DVD, un formato inexistente cando se estreou a mítica serie en 1972 (en Xapón; en España, seis anos despois). Heidi, Marco e este robot xigante que conducía Koji Kabuto foron os que popularizaron neste país un xeito de facer cómic daquela descoñecido por aquí: o manga. A serie ilustra perfectamente un informe que se publicou estes días, que asegura que a memoria nos engana: que reconstrúe e adorna os feitos que vivimos e que mesmo insire acontecementos posteriores. Media España podería proclamar agora mesmo que Afrodita A, o robot feminino que acompaña a Mazinger Z, berraba “peitos fóra!”, pero seica non é verdade. Por internet hai páxinas que o demostran, e o fodido é que non hai xeito de refutalo, agás no improbable caso de que alguén teña na casa unha gravación daqueles tempos que o desminta: é o malo (e bo) do pasado, que non se pode volver a vivir. Tampouco recordaba eu que a serie tivera un final abrupto en TVE, pero así o lembrou na radio hai uns sábados J. Aurelio Sanz, autor dunha enciclopedia en dous tomos (nada menos) sobre Mazinger Z. Pero a serie creada por Gō Nagai ten algo máis actual: foi a primeira coa que se falou sobre a violencia en televisión en horarios infantís. Os que gozaron daquela violencia cando pequenos son os que non a consenten agora para os seus fillos, curiosamente… ou quizais por iso mesmo.
Tags: cómic, De re varia, texto íntegro