Problemas sindicais
Este xoves, Rubén Balmaseda contaba na súa sección de El Progreso de papel que os ascensores do edificio sindical en Lugo teñen case tódolos seus focos apagados. El atribuíao á crise que nos azouta, pero a realidade parece que é outra. E, realmente, trátase dun tema que vén de vello. Por exemplo, o 18 de decembro do 2006, este xornal informaba de que o edificio levaba sen porta dende o 14 de novembro polas discrepancias entre o Ministerio de Traballo e as forzas que ocupan o inmoble. O da porta de cristal e o dos ascensores non son máis que dúas puntas dun iceberg: o ministerio quere que os sindicatos se ocupen do edificio, e estes din que si, pero que a cambio teñen que deixarlles o edificio en boas condicións, porque aseguran que as obras de hai uns anos quedaron mal rematadas. Así que uns por outros e a casa sen varrer. Calquera día destes os ascensores deixan de funcionar e ninguén se ocupará do tema.
Tags: sindicatos