Facer política

Hai un par de venres, cando o Goberno iniciou os trámites para ilegalizar ANV, na Radio Galega, en ‘Un día por diante’, pediron a opinión dos oíntes. Escoiteino un chisco e chamoume a atención unha cousa: tódalas chamadas empezaban ou tiñan no medio a frase

“eu non me quero meter en política, pero…”

Iso levoume a acordarme de ‘Amar en tiempos revueltos’, a novela das catro en TVE-1, que esta temporada está ambientada na España de finais dos anos corenta. De cando en vez, algún personaxe di algo moi semellante: “Non hai que meterse en política” ou “A política é cousa mala”. Mesmo no tardofranquismo se podía oír esa frase da boca dalgún cidadán de a pé.

Creo que ese desdén pola política exhibido polos oíntes da RG provén desas épocas en que expresar ideas era perigoso… e tamén vén de máis atrás, de cando o que pensaba era o señor e os seus vasalos obedecían sen pestanexar.

Pero, por moito que pasemos da política e que a abstención en Galicia sexa sempre un tema recorrente dos analistas políticos de Madrid, aínda así segue a haber aventureiros, como as 151 persoas que deron un paso adiante para ser deputado ou senador en Madrid pola provincia de Lugo. ¡19! candidaturas preséntanse para estas eleccións. Meu Deus, de onde sairá tanto partido? E, mellor aínda, de onde sairán tantos candidatos?

Comenta

*