O novo xerente

Vai haber novidades axiña sobre a xerencia do complexo hospitalario Xeral-Calde (que teima teñen por poñerlles nomes largos a instalacións que para a xente normal son ‘O Hospital’ ou ‘A Residencia’!). Como moito, haberá que agardar ata uns días despois do 9 de marzo, sempre que Margarita Pérez Herraiz sexa elixida deputada do PSOE no Congreso.

O seu substituto no Parlamento vai ser Miguel Ángel Fernández, o actual director xerente do complexo. No partido aseguran que será el o que tome a decisión: se prefire seguir na sanidade ou se se volca de novo na actividade política. Disque está a sopesalo e, se cadra, a súa decisión non se coñecerá oficialmente ata despois da constitución das Cortes, pero algún paxariño afirma que pode que se saiba antes de rematar febreiro.

De tódolos xeitos, creo que no PSOE vano apertar para que vaia para o Parlamento: así reforzan a área sanitaria, que anda moi de capa caída nestes tempos. Ademais, pensando nas eleccións autonómicas de 2009, Sanidade sempre pode vender o relevo como un xeito de preocuparse polas listas de espera que ten o Xeral-Calde, que baten records un trimestre si e outro tamén. É de supoñer que o seu substituto no complexo será o primeiro director do novo hospital, aínda que nestas cousas da sanidade nunca se sabe.

E quen será o novo director xerente? Por aquí xa escribín que se fala mesmo do actual delegado provincial de Sanidade, Miguel Ángel Rodríguez Lois, home con moito predicamento no partido. Pero no PSOE afirman que teñen onde escoller.

Comenta

*