Luis de Ferrimar

Chámase Luis Alonso García, pero todo o mundo coñecíao na Fonsagrada como ‘Luis de Ferrimar’, pola empresa na que traballaba ata non hai moito. No eido político, era o presidente da xunta xestora que dirixía o PSOE local dende a voadura da anterior executiva local e ocupou o número nove na lista con que os socialistas gañaron as eleccións locais de maio. E o pasado día 20 montouna cando anunciou a través de El Progreso que o deixa e, sobre todo, cando explicou as razóns: as supostas intromisións da dirección provincial. Luis aseguraba que a directiva de Lugo quería impoñer unha executiva local sen contar cos afiliados do concello.

A resposta oficial do partido foi que para eles era unha “sorpresa”. Sen embargo, creo que algúns xa o sabían antes. O curioso é que, como ocorre moitas veces na Fonsagrada, despois houbo algo así como unha caza de bruxas, para saber quen nos viñera a nós con esta historia ou quen fora o indutor de Luis. Outro argumento moi socorrido é aquilo de “con isto estades a prexudicar a…” En fin, puro costumismo.

A asemblea para elección de directiva vai ser, seguramente, esta semana, segundo anunciou hai uns días o secretario provincial socialista, Luis Ángel Lago Lage. Se cadra, pode haber algo de liorta, aínda que tamén é posible todo o contrario, que nestas cousas nunca se sabe. O interesante é que a saída á palestra de Luis Alonso xa provocou algún movemento de solidariedade dende outras agrupacións locais, que non se atreven a dar a cara. E desta non vou dar enderezos.

Dende logo, ao PSOE da Fonsagrada parece que o mirou un torto. Pasaron de gobernar con maioría absoluta a desaparecer da corporación local, e cando recuperan o goberno, zóscanse dentro. Polo medio hai un alcalde que pasou ao PP (1990), un concelleiro que non quixo facer candidatura no 95 (aínda que o apertaron dende Lugo) e ao que despois acusaron de promover outra (2007), un secretario local que se enfronta co rexedor, do mesmo partido (2006), e, finalmente, un alcalde que dimite minutos despois da súa elección para que goberne o seu número dous… Dende logo, a política na Fonsagrada é de todo menos tranquila.

Tags:

Comenta

*