O pleno

Había ben tempo que non ía a un pleno da Deputación e detectei algúns cambios. Por exemplo, a variedade de voces no PSOE e no PP: Regina Polín, Melchor Roel, Antonio Gato e, claro, Xosé Ramón Gómez Besteiro, polos socialistas; Xosé María González Barcia, Raquel Arias e Xosé Manuel Barreiro (todos por orde de aparición), polo PP. En cambio, no Bloque só oímos a voz de Antonio Veiga. Á miña colega Raquel (a única xornalista alcaldesa de España, que eu saiba) creo que a oín hoxe máis que nos catro anos anteriores.

Barcia e Roel deron en falar tendo como trasfondo os seus respectivos cargos á marxe da Deputación (anterior alcalde de Burela o primeiro; actual rexedor de Viveiro o segundo), e Gato estivo mitineiro e mesmo ideolóxico no debate sobre a supresión do imposto de sucesións: “O PP defende aos rentistas e ás grandes fortunas”, díxolle a Barreiro. E este respondeu como docente que é: “Primeiro hai que atender para despois entender”.

O PP presentou unha moción sorpresa, que pillou a contrapé ao goberno; tanto, que Gómez Besteiro case nin deixou falar aos voceiros do BNG e do PSOE. E como os deputados do goberno non tiñan, loxicamente, instrucións previas sobre como votar, el deunas indirectamente e de viva voz dende a mesa presidencial: “Na mesma explicación, xa vostede recoñece que non é urxente, e xa lle aviso que se vai desbotar porque, se isto é urxente, que veña Deus e o vexa”.

A moción foi tan sorprendente que Barreiro, que non se separou dos clínex e da Lizipaina (este ano imos ir todos ben servidos de catarros), só tiña dúas copias: unha para el, outra para a presidencia.

Por certo: outra mostra de que cambian os tempos é que hai uns días chamei ás rapazas de prensa da Deputación e, como non estaban, quen me colleu o teléfono foi un membro do equipo de goberno. Non está mal, tendo en conta que hai alcaldes que mandan menos e que nin se poñen.

E falando de alcaldes e volvendo ao de onte: aposto a que o da Fonsagrada, Argelio Fernández, é o novo secretario xeral da agrupación socialista local.

Comenta

*