Xa non se canta en francés
OS MEUS improbables lectores saben da miña afección por facer homenaxes musicais póstumas. Por suposto, con Georges Moustaki repetín esta tradición funeraria. A homenaxe fíxena tanto na casa, vía cedé, como no traballo, vía YouTube. No popular portal de vídeos saían tamén Jacques Brel (con ‘Ne me quitte pas’, por suposto) e Charles Aznavour. E pensei que só os que temos certa idade (ou certo interese por outras músicas, aínda que sexan antigas) recordamos estes nomes. O mesmo pasa cos de Adamo (italo-belga) ou Gilbert Becaud. En tempos eran do máis popular que había no mercado: pode que os nosos pais bailaran ou se cantaran entre eles temas dalgúns destes músicos. E, se non, pode que fosen dalgún cantante italiano, daqueles melódicos (ás veces empalagosos, abofé) que durante un tempo estiveron de moda nas radios españolas e que cantaban cousas como ‘Sapore di sale’, ‘La lontananza’ ou ‘Il cuore é uno zingaro’ (en castelán, ‘Corazón gitano’). Pero tanto franceses como italianos xa non soan nas nosas radios, agás algunha excepción case marxinal. Agora, o que escoitas habitualmente, descontando os idiomas españois (e non todos), é inglés. Supoño que mesmo en algo tan persoal e duradeiro como a música todo irá por modas: é posible que, entre Mundial e Xogos Olímpicos, axiña volvamos oír cancións brasileiras, que non sexan unha versión da ‘Lambada’ feita por Jennifer Lopez nin as melodías románticas de Roberto Carlos. Pero que as modas pasan e esquécense demóstrase en cousas tan mínimas como o apelido do propio Moustaki, que nos seus tempos de gloria era agudo pero que as radios que informaron da súa morte acentuaron como grave.
Tags: De re varia, música, texto íntegro