Compendios de palabras

Mafalda e os dicionarios

FAGO reconto e contabilizo na casa dez dicionarios, editados en trece tomos (o da RAE e o de María Moliner, en versión abreviada, veñen en máis dun volume) e incluído o de latín da secundaria. En tempos, estes compendios de palabras eran unha cousa ás veces inalcanzable; recordo a compañeiras, non sei se de instituto ou de facultade, que tiveran que estudar as páxinas introdutorias de varios dicionarios para algunha profesora de Lingua: non me refiro ás páxinas coas abreviaturas, senón as outras, nas que o autor explicaba a estrutura da obra. Agora, as novas tecnoloxías fixeron estes libros perfectamente prescindibles, cando non inútiles. E a verdade é que é unha gozada o ben que lle acaen os hipervínculos á versión web de dicionarios como o da RAE, por exemplo (o da RAG falla algo máis). Entre os que teño na casa hai dous que prefiro sobre os demais, aínda que as querenzas foron mudando; por exemplo, cando eu empezaba na profesión, o de dúbidas de Manuel Seco era case como un libro de cabeceira. Os que sempre adorei foron un de Oxford (de inglés a inglés, como dicía eu) e, sobre todo, o de Julio Casares: esa tolemia dun filólogo granadino a quen lle deu por ordenar o mundo por familias de palabras. Como é tan raro, hai tempo que non o actualizan. Hai uns días, oíndo na radio algo sobre cabalos, non daba recordado como se chama o que axuda a un semental a montar á egua, e alí, dentro da palabra ‘cabalo’, atopeino: ‘mamporrero’. E pregunteime se os que usan esa palabra como insulto saben o que significa, pero sospeito que non, que iso de falar con propiedade xa non se leva… igual que os dicionarios.

Tags: , ,

Comenta

*