Magosto
COMENTO na redacción que isto do ‘proceso participativo’ do 9-N recórdame a un magosto, porque se trata, no fondo, dunha festa de amigos sen consecuencias xurídicas e na que a única incógnita é numérica: nun caso, saber cantas castañas se van devorar; noutro, cantos van votar o dobre ’si’ (tería sido divertido que gañara o ‘non’). E a Juan faille tanta graza o comentario que o comparte por Twitter e Facebook. Pero tivo pouco percorrido dixital. Un compañeiro contara que nunha fin de ano de hai tempo el e outro mandaran unha chorrada por SMS para ver se, a base de reenvíos, lles volvía tempo despois. Aínda están a agardar. Hai que ter unha graza especial para que unha parida túa acabe espallándose polo mundo ou facéndose popular, o que agora se chama viral. Admiro aos que teñen capacidade para improvisar chanzas nun segundo a partir de calquera elemento mínimo, eses mestres en repentizar aos que nos achegamos porque sabemos que van ser a alegría de calquera festa. Outros, en cambio, son máis ‘de rumia lenta’, dos que paren enxeñosas ideas, pero sempre despois dun pausado proceso de mastigación. Todos están no momento histórico ideal, porque o que se leva é o breve, o concepto curto e rápido, que se esquece axiña, o tuit, en suma: o slogan. É o tempo dos lemas, sexa para apoiar un ‘proceso participativo’, para censuralo ou, mesmo, para anunciar un magosto polo San Martiño.
(Na foto, dúas bandeiras de España na Rúa do Home Santo de Compostela este luns 10. Apareceron colocadas o domingo)
Tags: Cataluña, De re varia, ideas, independencia, San Martiño, soberanismo