Histórico?
Si, hoxe foi un día histórico (unha expresión que moito gusta na tele): o PP de Lugo decide que o seu candidato á Deputación non vai se-lo mesmo que nos pasados 23 anos. Só iso, porque, como lembraron algúns hoxe, non é o adeus de Francisco Cacharro á política local nen, moito menos, á Deputación: pode ir de concelleiro independente por Begonte, por exemplo, ou do PP por algún concello con alcalde afín, ou se-lo candidato á Deputación da candidatura veciñal de Lugo… Leva tanto tempo mandando no PP de Lugo que case tódolos comisionados que hoxe se decantaron por Xosé Manuel Barreiro chegaron á política das mans de Cacharro.
Cara ao futuro, quizais todo pasa por dúas frases que escoitei moito nos últimos días: “Non se vai ir sen pelexar” e “Fóra [do partido] vai moito frío” (quen sería o do PP galego que llo dixo así a Europa Press hai uns días?).