O peche
CO NOVO hospital de Lugo vainos pasar o que nos ocorre con esas cousas que veñen substituír a outras que quedaron xa vellas: por unha banda, expectación, por ver como vai ou como funciona (ou como se chega, ou como se entra, que son as inquietudes destes días…) e, por outra, certa morriña polo que vai pechar: tantos anos co vello Xeral fan que o vetusto edificio de Doutor Ochoa (coido que máis dun lucense non sabe que a rúa se chama así) sexa case da familia. Os do barrio ímolo estrañar cando peche. Algúns, coma min, lembraremos a cafetería, que ata non hai moito era o único sitio da zona onde podías comprar a deshoras xornais, revistas ou certo tipo de agasallos (bombóns, flores, bonecos…). En tempos, no edificio central estaba o único caixeiro automático da Rede 6000 do barrio. Así que non me estraña que moitos negocios xa estean a preocuparse polo que lles vén enriba. Pero esa saudade vai ser só nos primeiros meses; despois virán os derrubamentos, os saqueos, os carteis de ruína e a desaparición física dese mamotreto. Daquela xa nos teremos esquecido de todo. E dentro duns cen anos haberá que explicarlle á xente por que a esa zona a chaman A Residencia, igual que agora temos que explicar por que á Rúa do Teatro nomeámola así.
Tags: De re varia, hospital