Posts etiquetados ‘Xosé Manuel Barreiro’

Alcaldes

Martes, 17 de Febreiro, 2009

Quéixaseme Barreiro na Fonsagrada de que eu dou o nome do alcalde do PP que supostamente vai pasar ao PP, pero non o do rexedor do PSOE que supostamente ameazou con deixar o partido se non conseguía un servizo para o seu concello. A explicación é doada, contéstolle: do alcalde que supostamente se vai si sei o nome; do que ameazou con irse, non o teño claro, porque, ademais, houbo outro que chamou a Ricardo Varela coa mesma demanda. Ao final fixen unhas risas co alcalde de Baleira, Francisco Acal, que estaba en Bos Aires cando publiquei o meu artigo.

Houbo, por certa, moita inquietude nas filas socialistas por ese rumor: máis de un chamou preguntando a quen me refería. Pero creo que xa o sabían todos e que había un pouco de esaxeración na ameaza.

Políticos no campus

Mércores, 21 de Xaneiro, 2009

O do campus universitario de Lugo foi unha aspiración de moitos para conseguir que a cidade fora unha referencia no eido da investigación e para que non fuxiran da provincia os máis novos. Pero cos tempos volveuse unha canteira de políticos, e iso vese cando os partidos preparan as eleccións. Xa sabemos que un catedrático da facultade de Administración e Dirección de Empresas, Xosé Manuel Barreiro, é presidente do PP; e hai unha conselleira, Laura Sánchez Piñón, que era docente en Veterinaria, e unha decana de Humanidades, Concepción Burgo, é a número dous do Concello de Lugo.

Pero hai máis: a pasada semana falouse moito de Mercedes Montes, directora da escola de Relacións Laborais, e da profesora de ADE Ángeles Cabarcos, das que din que lles ofreceron postos na lista popular. Os seus nomes son habituais nas quinielas preelectorais que facemos os xornalistas. Tamén era habitual o nome de Sánchez Piñón, a quen lle ofreceron varias veces postos no PSOE que ela rexeitou. Agora, os seus compañeiros de partido rexeitan incluíla nas propostas de candidatura. Era a desexada e agora é a indesexada. Que cousas!

Vocabulario

Sábado, 3 de Xaneiro, 2009

É curioso ver como algunhas palabras mantéñense de actualidade aínda que cambien os tempos ou os gobernos. Por exemplo, hai uns días fíxome graza ver que Fernando Blanco segue a usar a palabra transparencia. Hai anos, cando era oposición, utilizábaa contra Francisco Cacharro, daquela presidente da Deputación de Lugo; agora, que é conselleiro, utilízaa para defender o reparto eólico.

Mentres Blanco falaba de transparencia, o seu compañeiro de oposición Manuel Martínez, daquela voceiro socialista, empregaba naqueles tempos a palabra clientelar, referida á política de Cacharro. Curiosamente, agora na Deputación segue a usarse, pero desta volta en boca de Xosé Manuel Barreiro, do PP. Serán palabras que quedan prendidas nas cadeiras do salón de plenos do pazo de San Marcos e pasan dun a outro?

De ‘card’ a ‘pen’

Xoves, 1 de Xaneiro, 2009

A presentación dos orzamentos da Deputación para o 2009 tivo algunha diferenza respecto á do 2008. Desta volta non houbo card-drive, senón pen-drive, rosas e verdes, para ser máis exactos: semellaban caramelos. Na mesa estiveron os mesmos, Xosé Antón Bao, Xosé Ramón Gómez Besteiro e Rexina Polín, por esta orde, e deron a rolda de prensa no mesmo sentido: primeiro unha presentación de liñas xerais, logo un denso detalle dos orzamentos das áreas bloqueiras e unhas reflexións finais da delegada de Economía. Polín, emocionada, mesmo cualificou de “agasallo de Reis” o anuncio de que a Deputación vai axudar os concellos a elaborar os proxectos que teñen que presentar para o Fondo de Investimento Local. Curiosamente, ao día seguinte, nun especial sobre este fondo que publicaban os xornais, o logotipo lembraba a unha caixa de regalo.

Outra diferenza foi o papel. Desta volta non nos deron aos xornalistas un tocho de 320 páxinas cos Orzamentos que si nos proporcionaron o ano pasado. Vinllo a Xosé Manuel Barreiro na mesa durante o debate do martes. Debe de ser por aforrar papel, por aquilo da crise. Unha mágoa: así non puidemos facer preguntas directas sobre o tema.

(Si, xa sei que non actualizo o blog dende o ano pasado: éche cousa das festas. Feliz 2009 a todos.)

A ledicia do PP

Sábado, 15 de Novembro, 2008

Barreiro e García Díez falan no pleno (Foto: Xesús Ponte)

Andan no PP moi ledos co resultado da cuestión de confianza no Concello de Lugo. Xa o dicía Luis Lamas o pasado martes: o seu partido mailo PSOE (ou, mellor, o alcalde) foron os claros gañadores da contenda. No PP teñen dous motivos de satisfacción: un é que a actuación de Xoaquín García Díez no pleno serve para calar de vez aos que pasaron un ano reprochando o pacto co PSOE para aprobar os orzamentos do 2007. O outro motivo de satisfacción é ver como picaron o anzol da moción de censura que tirou Xosé Manuel Barreiro. Acaso alguén pensaba que PP e BNG van gobernar xuntos nalgún sitio de Galicia… polo menos antes das eleccións autonómicas? Pois, aínda así, o PSOE e o BNG tomaron en serio a cousa e puxéronse nerviosos. Tanto, que o Bloque anunciou a abstención antes de tempo. Co ben que tería quedado agardar ata o pleno (ou votar en contra e ter un mes desacougado a López Orozco)!

Resta por saber como queda Xosé Anxo Lage despois disto. Algúns dos paxariños malvados que me subministran rumores insinúan que esta é unha manobra da U para botar polo río abaixo ao seu voceiro municipal e pelexado candidato á alcaldía. Pero aínda queda moito mandato municipal por diante e pode pasar de todo.

Por certo, nalgún confidencial din que o sentido do voto do PP decidiuse en Santiago e fanse eco do rumor dun suposto afastamento entre Barreiro e García Díez (na foto, os dous falan no pleno do luns 10 con Cristina Ares no medio). E eu que pensaba que ese rumor saíra dende as ringleiras do PSOE! Por certo, non sei se serán os mesmos que andan a dicir que García Díez vai ser o cabeza de lista para o Parlamento galego. Que cousas!

O aniversario

Luns, 22 de Setembro, 2008

Xosé Manuel BarreiroAlgúns temos que celebrar os aniversarios traballando. É o caso de Xosé Manuel Barreiro, quen celebrou os seus 51 anos o día 18 sen poder ir xantar cos seus. A cear, si, aínda que chegou co tempo xusto, porque a iso das nove da noite aínda andaba pola sede do partido en San Marcos falando cuns moteiros, que se foron queixar desas coitelas que os que imos en coche chamamos quitamedos. Creo que o tema vaino levar o PP ou ao Senado ou á Deputación ou aos dous sitios.

Que o leven ao Parlamento galego tamén, que a conselleira Caride tamén é moteira.

Xuntanza secreta?

Xoves, 4 de Setembro, 2008

Este venres, Núñez Feijoo e Barreiro vanse reunir en Lugo cunha ampla representación da clase empresarial. Dende hai días xa se sabía da xuntanza, pero chegoume algunha interpretación preocupada, como se fora un encontro secreto. Home, é posible que haxa acordos e conversas que non transcendan, pero o certo é que a xuntanza forma parte da campaña Galicia en voz alta. Hoxe, por exemplo, Barreiro mantivo unha destas xuntanzas sectoriais en Sarria, co sector do turismo rural.

Hai catro anos

Xoves, 17 de Xullo, 2008

É automático: despois de cada elección, nalgún partido vívese un proceso de crise… mesmo se gaña. Penso isto cando, repasando vellos recortes (cinco ou seis anos en xornalismo é unha eternidade), atópome o cristo que se montara no PP de Lugo despois das eleccións do 2004. Xa daquela, Barreiro falaba de que había que recuperar a xunta local do PP de Lugo. Hoxe, o tema aínda segue sen solucionar.

Claro que aquela información de El Progreso viña acompañada dunha foto que explica por que o tema aínda está sen pechar: nela aparecían nunha sede do PP Barreiro e Cacharro, que nunca tivo especial interese en recuperar ese órgano local. Desta parece que vai, aínda que, se cadra, as eleccións autonómicas, e a campaña electoral na que estaremos enleados á volta de vacacións, volven a demorar o proceso.