Posts etiquetados ‘Xosé Anxo Lage’

‘Alcaldables’

Martes, 23 de Xuño, 2009

A verdade é que esperaba que alguén se queixara polo meu prognóstico do domingo 7 de xuño de que ningún cabeza de lista dos partidos maioritarios vai repetir nas vindeiras eleccións locais no concello de Lugo. Pero non recibín chamada ou queixa ou expresión de malestar algunha. Só López Orozco me fixo un cariñoso e sorrinte comentario tres días despois, aproveitando a súa estancia no xornal para entregar os Premios Muralla. Dixo que Gómez Besteiro e el se fixeran unhas risas o domingo lendo a miña crónica. Por se acaso, xusto unha semana despois, o pasado 14 de xuño, en El País, o alcalde proclamaba que se vai presentar á reelección “indubidablemente que si” e que o vai facer “con forzas e ganas”. Xosé Anxo Lage non abriu a boca ao respecto, e García Díez si que a abriu, pero para deixar máis dúbidas: nin que si nin que non, dixo escudándose detrás dunha realidade incontestable: quedan aínda dous anos para as eleccións.

Esa é, por certo, a liña oficial do PP (“Pero se vimos de saír de dúas eleccións! Que queredes? Unha cada seis meses?”, protestoume entre risas Xosé Manuel Barreiro hai uns días). E a do PSOE é a de sempre: o normal é que repita o alcalde naqueles concellos onde se goberna. Pero aínda falta moito para o último domingo de maio de 2011, que vén sendo o día 29. Ese ano non haberá problemas coa Ofrenda do Antigo Reino de Galicia, que caerá en xullo (o Venres Santo é o 22 de abril).

Soraya

Domingo, 18 de Xaneiro, 2009

Soraya Sáenz de SantamaríaO venres vimos na primeira de El Mundo o anuncio da sorprendente e íntima reportaxe deste domingo con Soraya Sáenz de Santamaría, a voceira parlamentaria do PP. Este sábado, Pilar Cernuda contaba que o director do xornal descualificaba á política popular por se prestar a esta reportaxe (!!!!). Pero recordo que cando vimos a foto creo que todos os xornalistas pensamos o mesmo: que boa idea esta de sacar aos políticos na intimidade. É un xeito de desmitificar a estas persoas que son tan normais como as demais.

Pregúntome que político de Lugo se prestaría a saír como Sáenz de Santamaría. En El Progreso fixéramos, hai anos, algo semellante cunha serie de entrevistas de Antón Grande con famosos de Lugo nos recunchos favoritos das súas casas. E non hai moito sacáramos unha tremenda reportaxe con Lara Méndez na súa pobre cociña. Pero non me imaxino unha foto de López Orozco en batín, outra de García Díez cepillando os dentes ou outra de Xosé Anxo Lage remedando a Fred Astaire. A este último si que o temos sacado cociñando e os últimos que publicamos en posturas informais foron varios políticos lendo. A máis atípica era Raquel Arias, que estaba con El guardián en el centeno cos pés enriba do sofá.

 

Lage, apestado?

Martes, 2 de Decembro, 2008

Velaquí esta foto, das seis da tarde do 18 de novembro. Fíxose no hotel Méndez Núñez de Lugo, no acto conmemorativo dos noventa anos da Asembleia Nazonalista das Irmandades da Fala.

Acto de Quintana no Méndez Núñez

E velaquí esta outra, tomada dúas horas despois no salón de actos da Deputación, nunha conferencia de Francisco Rodríguez sobre o mesmo tema.

Acto de Francisco Rodríguez na Deputación

Detectan algunha semellanza entre as dúas fotos? Que habilidade terá Xosé Anxo Lage, voceiro do BNG no Concello de Lugo, para se sentar sempre a carón dunha cadeira baleira? E mira que no acto do Méndez había ben de xente de pé.

Outros, que conste, interpretarán isto como a demostración de que este home está de capa caída no BNG. Non sei se crelo.

Lage non quere apertas

Martes, 11 de Novembro, 2008

Orozco e Lage, saudándose

Pasou no pleno do luns en Lugo sobre a cuestión de confianza. Ao seu remate, unha vez que a abstención do BNG permitía a López Orozco sacar adiante os seus orzamentos e manterse na alcaldía, os líderes da oposición achegáronse, educados eles, á mesa presidencial para saudalo. Nada máis achegarse Xosé Anxo Lage, o alcalde ofreceuse, cun sorriso de orella a orella, a darlle un abrazo. E Lage dixo que non: “Cun apertón de mans tes máis que suficiente”. Temería que fora o abrazo do oso? O certo é que Lage non quixo apertas, pero quedou ben apertado coa decisión de se abster.

Blogs nacionalistas

Mércores, 4 de Xuño, 2008

Volvendo ao tema dos dous últimos posts: calquera diría que Xosé Anxo Lage me le (véxase o cuarto parágrafo da información de hoxe. Por certo, vexo que o voceiro do BNG en Lugo recupera a súa presenza na esfera blogueira. Lage deixárao despois das eleccións locais do 2007, mentres que a súa compañeira de grupo Paz Abraira mantivo o contacto e agora ten a dirección de antes e unha nova, dentro da rede de blogs nacionalistas. O que se mantivo activo dende o 2007 foi Xosé Manuel Becerra, voceiro do Bloque no Corgo, quen este mércores daba as notas dos exames para unha praza de alguacil-porteiro. Non sei a que esperan os bloqueiros da Deputación para sumarse ao blogmillo.