Posts etiquetados ‘xogo’

A paxariña

Martes, 3 de Maio, 2016


ESTA FIN de semana vivín un momento de cabreo, ese que se produce cando as cousas non saen aínda que ti estás farto de facelas. Envolvín un regalo e quixen darlle unha nota de cor pegándolle unha paxariña de papel. Púxenme a facela… e non saía. Había tanto tempo, que xa perdera a práctica: eu, que en tempos amolaba á miña nai poñéndolle nos mobles familias numerosas de paxariñas de diferente tamaño, cor e constitución (papel). Despois de varios intentos frustrados e frustrantes, fixen o que se fai agora: mirar en internet. Apareceron milleiros de debuxos e vídeos… pero non era o mesmo. Aquelas non eran as miñas paxariñas de papel de toda a vida, as que facía Unamuno, as que argallaba Isabel, aquela compañeira de facultade (aos seus apuntamentos débolle a metade da miña licenciatura) que me introduciu no que aquí chamamos papiroflexia e os xaponeses (e os fatos de internet), origami. Cambiáranme as instrucións. Os meus dedos non recordaban como era, pero si que non recoñecían tantos pregues, nin esas arestas e sobrábanlle dobreces… Hai vídeos nos que a operación leva catro minutos, cando a min nunca me levou nin a metade. Decidín deixar que as cousas fluíran soas, como fas cando te atascas cunha palabra. E este luns, despois de ver unha imaxe incomprensible en Google, os meus dedos deron construído unha. Cando tirei das súas patiñas, recoñecina: era a vella paxariña de papel de sempre. Mentres escribía este artigo fixen unha, polo capricho de recordar un vello pracer. Sigo, iso si, sen acabar de entender a que vén actualizar as instrucións de algo tan sinxelo e popular (unha vez regalei uns pendentes con forma de paxariña, feitos en papel de Sugus). É como esas actualizacións de contos clásicos que tanto se levan no cine e que converten a Carrapuchiña, por exemplo, nun émulo da Trinity de Matrix. Ou esas postas ao día de algúns xogos que os fan irrecoñecibles (o Risk). Será que algúns non entenden a beleza do simple, a dun cacho de papel reconvertido en figura, por exemplo.

A listaxe da ONU

Martes, 15 de Novembro, 2011

RECONFORTA verse confirmado nalgunha crenza, non si? Ser fumador, por exemplo, e atopar estudos que din que o tabaco axuda contra (por exemplo) o alzhéimer (1) ou devecer polos pasatempos e que che digan que son bos para non perder a axilidade mental, igual que levar a conta no tute. Como moitos que medramos co ‘1, 2, 3… responda otra vez’, adoro as enumeracións como reto lúdico: lembrar de memoria os 67 concellos de Lugo cando estás fóra de España, ou recitar os 313 de Galicia. O último destes retos, despois do discurso de Abás, foi tentar recordar os 193 estados integrados na ONU. Non había límite de tempo e non valía consultar nada, claro. Considerei que sería un éxito se chegaba a 120, pero, alén diso, acabei parando no 174 (se aceptasen Palestina, serían 175). Do fondo da miña memoria xornalística saquei países novos, como o minguante Vanuatu ou Timor Leste e Sudán do Sur, e saíron os que teñen importancia en internet, como Tuvalu (dominio .tv) ou a ‘asturiana’ (.as) Samoa Americana, ou outros que recordaba polo seu rotundo nome, como Nauru ou Kiribati. Cando me rendín, atopei algúns que non imaxinaba independentes, como as Illas Marshall. E tamén me sentín un pouco estresado, non por descoñecer 19 países (2) senón porque cada nome viña cunha pregunta: Como será? Onde estará? Como vivirán alí? Que cousas atractivas terá? E, sobre todo: terei tempo para velos antes de deixar este mundo?

(1) Curiosamente, como hai estudos para todo, en internet podes atopar tanto os que din que o tabaco prevén contra o alzéimer como os que aseguran todo o contrario.

(2) Corrección: na edición impresa saíu publicado “29 países”, cando está claro que 194-175=19.