‘Pascualistas’
Venres, 8 de Maio, 2009Os sindicatos tradicionais andan estes días moi inquedos polo do expediente de regulación de emprego de Leite Pascual. Tamén os xornalistas, pero por motivos distintos: a nós, porque nalgún caso non foi doado localizar aos membros do comité de empresa; aos sindicatos, polo tremendo impacto que terá a noticia na situación económica de Lugo e porque senten que neste conflito van ter que quedarse á marxe, xa que non hai representación nin de UGT nin de CC.OO. nin da CIG na factoría láctea de Outeiro de Rei. É dicir, que os do comité van ter que lidar sos con este problemón. Nestes días, algún sindicalista destas centrais maioritarias fai memoria e recorda unha entrevista con Tomás Pascual, o mandamáis de Leite Pascual, na que, xa no ano 2002, o xornalista comentaba que non había sindicatos “normais” nos comités de empresa das súas factorías. E o empresario congratulábase, dicía que lle gustaban máis estes “pascualistas” que uns sindicatos dos outros.
Por certo, os sindicatos de Lugo tamén están a prepararlle unha homenaxe popular, outra máis, a Xesús Otero, ese docente sindicalista da UGT que cesou como subdelegado do Goberno en Lugo polo tema das multas. Vai ser o vindeiro venres. Creo, aínda que non podo aseguralo, que a idea partiu do seu sindicato e que se sumaron os outros dous grandes. Din as malas linguas que Suso, como o coñecían todos, está a baleirar unha habitación da súa casa para poder colocar todos os agasallos que leva acumulados nas homenaxes que recibiu dende que dimitiu.