Posts etiquetados ‘Valedor do Pobo’

O que fas cando non es titular

Sábado, 22 de Febreiro, 2014

Ao fío do artigo do domingo, o último informe ordinario publicado polo Valedor do Pobo, o do 2012, é unha boa fotografía da provincia de Lugo, polo menos en canto a estatísticas.

Segundo eses datos, o comisionado do Parlamento para a defensa dos dereitos dos galegos recibiu ese ano 234 queixas procedentes de Lugo, que foi a provincia menos queixosa en termos absolutos.  Non é así en termos porcentuais, xa que só na Coruña hai máis queixas por cada dez mil habitantes, 11,95, cando en Lugo son 9,40.

A distribución das 234 reclamacións luguesas é case demográfica: 108 proceden do concello de Lugo, seguido de Monforte (18) e Sarria (16). O cuarto posto, con once queixas, é para un dos concellos máis pequenos, aínda que máis abandonado, Cervantes. Sitios máis grandes que a capital dos Ancares, como Tui ou O Barco ou Rianxo, presentaron menos. Curiosamente, ningunha das queixas de Cervantes ía dirixida ao Concello, e das de Lugo cidade, só 12. Pola contra, dende O Valadouro chegaron oito queixas, pero foron dez as dirixidas contra esta administración local.

Este informe ordinario de 2012 (do que se editou unha revista cun resumo) é o primeiro asinado polo home que ocupa o cargo en funcións, José Julio Fernández Rodríguez (na foto, na imaxe oficial da súa web),  que xa debe de estar a preparar o de 2013. Parece mentira que o próximo martes 25 vaia cumprir 21 meses en funcións.

Cando o político é Pobo

Martes, 18 de Febreiro, 2014

O VALEDOR DO POBO parece terse convertido nos últimos días nun elemento máis da loita política. Diversos integrantes do PP acudiron ao comisionado que vela polos dereitos dos galegos para que defenda os seus fronte a gobernos doutras cores. Primeiro foi fronte ao Concello de Rábade, gobernado por un alcalde independente; despois, o do Incio, dirixido milagrosamente (en minoría moi minoritaria) por unha alcaldesa socialista, e esta semana, o obxectivo da queixa popular foi o goberno socialnacionalista da Deputación. Visto desde fóra, podería pensarse que obedece a toda unha estratexia ben pensada, porque as tres demandas son por unha presunta falta de transparencia (no caso de Rábade, tamén polo trato dado polo independente Francisco Fernández Montes ás mocións).

SEGUE AQUÍ