Posts etiquetados ‘Suecia’

Kiruna

Xoves, 1 de Maio, 2014

ALGÚNS topónimos teñen un eco mítico, evocador de mundos e formas de vivir diferentes. Serengeti, Illas Cook, Uluru… son sitios que parecen case oníricos ou lendarios, aínda que realmente existen, ou iso din as enciclopedias e a tele. Un deses nomes que me fan soñar é o de Kiruna. É a cidade máis setentrional de Suecia. No meu caso, recórdame un caniche e un café irlandés: a bebida era a especialidade dun pub de Moncloa (o ‘Kiruna’, claro) no que eu empezaba as noites de esmorga nos tempos da facultade en Madrid, e o caniche, nunca souben por que, era o debuxo que figuraba nos pousavasos do local. E a semana pasada mesturáronseme o mito da cidade lonxana, o recordo do tempo pasado e a actualidade recente. Nun xornal informaban de que Kiruna e os seus 20.000 habitantes van ser trasladados a outro sitio. Os ricos xacementos de ferro que hai debaixo desta cidade situada por riba do Círculo Polar Ártico obrigan a ampliar a mina e trasladar aos veciños. A mudanza vaina acometer a empresa mineira, que é a principal fonte de emprego da zona. É dicir: Kiruna vai ser, máis ou menos, como esas vilas literarias (Torrente, Saramago…) que se moven do seu sitio. E como por agora non teño plans a curto prazo de ir por alí, case vexo ratificada a miña idea de que non é unha cidade real, senón un lugar onírico. Ás veces é mellor non comprobar se o real se axusta ao soñado, non vaia ser que o empeore.