Vixiado
Martes, 12 de Novembro, 2013CANDO cheguei á miña actual casa, na ponte da Constitución haberá quince anos, a sección de Sucesos deste xornal ‘saudoume’ coa noticia de que a Policía desmantelara un ‘supermercado’ da droga situado un par de rúas máis abaixo. O pasado xoves, no xornal informamos de que fixeran un rexistro idéntico nunha casa por diante da cal paso ás veces nalgún dos meus paseos. De feito, a vivenda está a un paso dun bar do que escribín aquí hai un ano, que leva o nome da terrible deusa grega da vinganza. A casa chamara a miña atención porque o seu pobre exterior contrasta coa pantalla de televisor de tropecentas polgadas que se ve nunha parede dende a rúa. Cando leo o da casa, vexo que a investigación leva en marcha varios meses, o que me fai supor que farían vixilancias e pode que haxa algunha gravación na que saia eu pasando por diante. Algunha vez imaxinei a posibilidade de que persoas correntes acaben metidas por accidente en calquera movida delituosa, sen comelo nin bebelo, algo que ten inspirado moitas películas. Imaxínate ir declarar diante de Pilar de Lara (cítoa porque é a xuíza deste caso) porque un día fuches pedirlle sal ao narcotraficante que, sen ti sabelo, vive no piso do lado. Nestes casos, confías en que os que nos espreitan (ou simplemente nos protexen, ou iso esperamos que fagan) saiban diferenciar un delincuente dun transeúnte. Pero a min agora, despois das revelacións de Edward Snowden, por se acaso, non se me ocorre utilizar a palabra bomba nos meus emails, aínda que sexa un bombazo informativo ou unha receita de arroz.