Posts etiquetados ‘saúde’

Esperando

Martes, 1 de Marzo, 2016

NO DESESPERANTE tempo que paso ultimamente nas salas de espera do hospital, téñome afeccionado a unha revista na que escriben dous colaboradores desta casa, Lorenzo e, sobre todo, Tallón. A publicación contén textos amplos, de aparencia sisuda, aínda que no fondo son bastante friquis: recordo ter lido un impagable informe sobre por que a República Galáctica (si, a da Princesa Leia) estaba chamada a fracasar: era denso e, a un tempo, divertido. É unha publicación lixeira, ideal para sitios como estes, nos que non te concentras tanto na lectura como na túa vez e no que sempre hai un balbordo de fondo. Outros prefiren a socorrida prensa do corazón ou as clásicas revistas de pasatempos; ás veces penso que as salas de espera, sexan sanitarias ou estéticas (salóns de peiteado), son a verdadeira razón de ser destas publicacións. Máis complicado é o xornal de papel, e iso que podería pensarse que é o produto ideal, dado o seu carácter tan perecedoiro. Non é doado: ocupa moito sitio ao abrilo, tes que estender os brazos e non queda ben cabrearse co que les… ou co veciño que intenta poñerse ao día por riba do teu ombreiro. A competencia agora para todo este mundo de papel son os móbiles, e en especial os xogos, aínda que neste último caso preséntanse dous problemas: o gasto de batería e a musiquiña repetitiva do xogo, que pode incomodar aos veciños. Hai quen se atreve con libros, como aquel home ao que vin no hospital de día cun ben gordo (o Quijote? Un tocho ruso?)… pero quedou durmido. E é que non todo vale para estes sitios.

O sal

Martes, 16 de Febreiro, 2016

CADA VEZ que abro unha lata ou un prato precociñado, acórdome de Alfonso Castro Beiras, o cardiólogo que morreu hai uns días. Cando o entrevistei, haberá máis de dez anos, pregunteille se, ademais do tabaco (un gran problema daquela e hoxe), había algo que o preocupara moito como cardiólogo. E contestoume que o sal. Dicía que os produtos preparados que se vendían en España tiñan un alto contido en sal e que ninguén se preocupaba diso, cando é un elemento que inflúe na hipertensión. Ao pouco tempo, do ministerio encargáronlle a el e a outros cardiólogos de España un estudo sobre o tema. De aí vén que eu mire non só o contido en calorías, graxas ou hidratos, senón tamén en sal. Aínda que a lei obriga a incluír información nutricional en todo produto alimenticio que se vende en España, non sempre é doado miralo, e moito menos comparalo. Hai quen o agocha moi ben (letra tamaño gnomo) e quen te engana publicitando a composición por unidade (“só 46 calorías!”) e non por cen gramos (479 quilocalorías). Un pensa que a cousa foi mellorando en canto á información sobre nutrientes e ingredientes que conteñen os produtos preparados, pero… Hai anos, Guillermo, o informático, mostroume un doce de chocolate (destes que temos comido mil veces de nenos e que ás veces veñen con cromos) que non tiña cacao. E hai uns días atopei un té (iso dicía a etiqueta) que non levaba té. Sabemos todo o que estamos comendo?

Chourizos

Martes, 3 de Novembro, 2015

OS DA OMS están por amolar. Non se lles ocorre mellor data para distribuír o seu informe contra a carne procesada e os embutidos que os comezos do outono, ese momento en que en lugares como Galicia facemos festa ao redor dun animal profundamente unido á nosa historia: o cocho. E, como se fose unha relixión (que, no fondo, non deixa de selo), a festa pasa pola morte do protagonista, non nunha bacanal, senón nunha matanza. Algúns recordarán estes días que o cocho matou moita fame en Galicia, non só pola vía gastronómica, senón tamén pola industrial. Agora tócalle aos nosos butelos, como antes lle tocou ao noso leite (que outrora tiña sona de sanísimo e agora é o demo), ao xamón, aos ovos con colesterol, aos grelos vítimas da chuvia ácida… O informe preséntase cando as tendas empézanse a encher de produtos da matanza, co cal é o noso nariz o que fai que non esquezamos o aviso. Chegan a difundilo no verán e tería xerado menos alarma: mesmo teriamos visto que a OMS o que fai é resumir vellos estudos e decatariamonos de que ten que darse un consumo esaxerado para que o risco de cancro aumente o 18 por cento. Está claro que nada é plenamente inocuo: como dicía un transeúnte na tele, agardemos a ver canto tardan en desaconsellar o consumo de brócoli. Pero eu recoñezo que desta volta a OMS ten razón: levo tantos meses consumindo chourizos nas noticias que xa percibo que me vai medrando a bile.

Hoxe é malo

Xoves, 6 de Novembro, 2014


DE PEQUENO dicíanme que a mazá era unha das cousas máis sas que podía comer, fose a hora que fose; despois oín aquilo de “pola mañá, ouro; pola tarde, prata e pola noite mata” (refrán  que tamén teño visto aplicado a outras froitas), e máis tarde escoitei a algún dietista desaconsellar o consumo desta e doutras froitas pola noite, tanto polo longa que é a dixestión dalgunhas (o plátano é paradigmático) como polo azucre que levan. Como me gusta a froita pero non sempre teño forma de comela, decidín introducila na única comida que fago fixo todos os días, o almorzo. E este verán o fisio comentoume que algún estudo recente desaconsellaba tomar froita na primeira comida do día, e tamén censuraba os outros dous elementos cos que esperto: o café e o leite de vaca. E el engadiu, con moita retranca, que “iso é esta semana”. Seguro que se miro agora, atoparei algún estudo de, por exemplo, antonte que recomenda comer cen quilos de froita ao día para vivir mellor, e mañá sairá outro que sinala a relación directa entre o lupus de Greg e a inxesta de melón do Courel, e pasado haberá outro que insistirá nas bondades da soia (para min é mellor a solla) e o venres outro desmontará tal teoría, que atribuirá aos intereses do Goberno chinés. É reflexo da preocupación do ser humano por vivir mellor e, se se pode, máis: pasamos o día buscando o produto perfecto e máis san, soñando cunha panacea comestible. Leo nalgures que todo isto non é contraditorio, senón que é consecuencia de que cada día hai mellores medios técnicos para facer os estudos, e se hai vinte anos deducías que a mazá é mala a partir dunha análise con 120 persoas, agora podes dicir o contrario a partir dun experimento con 1.120. Así que ao final non sabes se instalar ou deseñar unha APP que che diga en cada minuto cal é a recomendación do día, ou learse a manta á cabeza e dicir como os vellos: “O que non mata, engorda” ou a variante “De algo hai que morrer”.

Recolocación

Martes, 16 de Marzo, 2010

NO MEU CENTRO de saúde recolocaron as consultas hai uns meses. Nunca tiven moi claro o porqué. Pensei que era porque lle deu por aí a algún xefe (non recordo se do bipartito ou xa da era Farjas), pero hai un par de xoves decateime dun detalle e entendino mellor, sobre todo cando recordei que un día que o meu médico de cabeceira non estaba, déronme cita para outro que, cando cheguei, levaba un atraso de hora e pico nas consultas. Esa demora é habitual, segundo me confirmou un compañeiro que ten de médico de cabeceira a este segundo doutor. Con ese atraso, claro, o facultativo en cuestión presenta sempre diante da porta unhas colas inmensas. Ben, pois coa remodelación de consultas, puxérono ao fondo da planta, nun sitio que non é de paso, agás se hai un incendio (o que hai que agardar no sistema público de saúde dá tempo abondo para ler detidamente as instrucións para as evacuacións). Antes estaba xusto diante da porta do centro. É dicir, co cambio, o que chegue ao centro de saúde xa non está condenado a ver unha morea de xente agardando consulta. O que descoñezo é se quen ten agora a consulta diante da porta é o máis rápido atendendo do centro de saúde. Isto si que é un evidente exemplo de márketing sanitario, e o demais son monsergas.