Posts etiquetados ‘Sarria’

Electuras – Sarria, amantes de baile

Venres, 29 de Maio, 2015

Elección tras elección, os sarriaos están afeitos a corporacións complicadas e mandatos intranquilos, a vaivéns que poden ser sorprendentes, mesmo de persoa dubitativa. Foi irse do PP Arturo Corral Guitián, alcalde sempiterno, e comezou o baile. Fago memoria:

1999. Gaña o PP, pero goberna o PSOE (Claudio Garrido) co apoio do partido de Arturo Corral. É concelleiro de Urbanismo un recén chegado á política, José Antonio García López.

2003. Gaña o PSOE, pero goberna o PP (con García López) co sorprendente voto da nacionalista Sabela Caldas.

2007. Gaña o PP, pero goberna o PSOE (Claudio Garrido) cun tripartito.

2011. Maioría absoluta para o PP. Alcalde: outra vez José Antonio García.

2015. Haberá un goberno de polo menos tres partidos… ou non… ou vai ti saber!

O ‘coco’ chámase Gamonal

Mércores, 5 de Marzo, 2014

HAI POBOACIÓNS que, por diversas circunstancias, adquiren carácter mítico. Algunhas o son xa desde o principio, pola súa orixe ficticia (Syldavia, Camelot…); outras nos fan soñar, como Tombuctú, e algunhas nos levan ao pasado, como Balaclava, ‘resucitada’ estes días pola crise de Crimea. Pero non fai falta irse tan lonxe. En tempos, todo bloqueiro que se prezase tiña que citar como referente a Allariz. Despois, cando un goberno de López Orozco embeleceu as entradas á cidade de Lugo, algún alcalde do resto da provincia prometía para as súas zonas verdes arranxos idénticos (xuro que isto que conto é certo). E desde hai unhas semanas, este club de localidades míticas ten un novo membro: Gamonal

SEGUE AQUÍ

A Rúa da Esteban

Martes, 30 de Novembro, 2010

VÉN DE pechar o prazo para que os veciños de Sarria fagan suxestións sobre novas denominacións para dúas céntricas rúas, Calvo Sotelo e José Antonio, que, en virtude da Lei de Memoria Histórica, teñen que cambiar de nome. A través do Facebook, alguén chegou a propoñer, non se sabe se de broma ou de veras, que lle dean o nome dunha a Belén Esteban, La Princesa del Pueblo, como a chaman ostentosamente en ‘Sálvame’. E, a verdade, non me parece tan mala idea. Agora mesmo, ‘A Esteban’, que é como a coñece todo o mundo, é posiblemente o personaxe con maior índice de popularidade de España, á marxe da familia real. Que unha soa persoa sexa quen de conseguir índices de audiencia tan desaforados para a canle na que sae, sexa a hora que sexa, é moi indicativo. E que alguén diga, nunha enquisa, que estaría disposto a votala, tamén. Os intelectuais e a xente que se considera ’seria’ quedarán abraiados coa idea, pero teñen que recoñecer que Belén Esteban é todo un símbolo actual deste país e do que lle interesa á xente normal. Na historia de España hai pouca xente que represente tan ben unha época: José Antonio podería ser, precisamente, outro exemplo: oes falar del e pensas non nos seus pouco coñecidos escritos anarcoides, senón na Ditadura. E oes falar de Belén Esteban e pensas inmediatamente noutra ditadura, a da televisión e o chismorreo. Quizais a comisión do rueiro de Sarria non perda a ocasión de ser pioneira: quen será a primeira localidade que lle dedique unha rúa á Esteban?

Xulgado gafado

Luns, 30 de Novembro, 2009

De novo volve a quedar aparcada a petición dun segundo xulgado para Sarria. Se non me falla a memoria, é a terceira vez. Dúas foron co bipartito e esta última, co PP na Xunta. Nas anteriores, pediuse algunha sala máis para Lugo que, realmente, facía falta. A Sarria ten ido algunha vez o presidente do Tribunal Superior de Xustiza para comprobar que, efectivamente, o titular do xulgado actual non dá feito, debido ao elevado volume de traballo. Por iso puxeron hai tempo un xuíz de reforzo. Pero nin sendo tan manifesta a súa necesidade, sae adiante a demanda do segundo xulgado.

O que pasa é que esta vez hai algunha diferenza: para empezar, PSOE e PP aproveitaron este pretexto para un novo capítulo da súa inacabable e cansina liorta política local: estes son quen de discutir mesmo polo tamaño das lámpadas (é un xeito de falar, que descoñezo se houbo tal debate). A segunda diferenza é que hai xente que discute que un xulgado de vixilancia penitenciaria para Lugo fose máis urxente que o segundo de Sarria. Vai ti saber se o problema é que descenden os delitos en Sarria e que, en cambio, operacións como a Carioca están a aumentar a poboación dos cárceres de Bonxe e Monterroso.

O de Sarria

Domingo, 29 de Xuño, 2008

Con isto da reorganización das webs do PP, desapareceu un animado foro no que unha panda de vándalos poñía a pan pedir aos membros do PP de Sarria. Entraban no foro dos dous bandos, e zoscábanse do lindo. Agora que hai unha boa ocasión para as tortas, xa non queda foro. E iso que a cousa en Sarria volve a estar animada, se é que algunha vez deixou de estalo.

Dentro de trece días, a agrupación sarriá celebra un congreso local, que teoricamente é o de despedida de Fernando Carlos Rodríguez, ata o de agora presidente local. Hai xa dous candidatos, o anterior alcalde, José Antonio García, e Fernando Díaz Copa. Fernando Carlos di que non toma partido por ninguén, aínda que polas rúas din que o seu favorito é o seu tocallo. Este último, Díaz Copa, é un home de historia interesante: foi concelleiro do PP no Incio e man dereita do alcalde, Anxo Camino Copa. Mesmo chegou a tenente de alcalde. Un día, Fernando Carlos reclamouno para Sarria e o rexedor do Incio aínda non llo perdoou.

Se o ex senador apadriña a Díaz Copa, quen apadriña a García? Non se sabe. Pero semella que o seu mentor político, Arturo Corral Guitián, está máis próximo agora ao alcalde, o socialista Claudio Garrido, que ao PP, o partido que dirixiu e do que se foi, precisamente, por un enfrontamento con Fernando Carlos.