Posts etiquetados ‘Samuel Juárez’

Conselleiro sorpresa

Sábado, 30 de Xaneiro, 2010

O conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, é unha caixa de sorpresas. Primeiro pensamos que era de La Bañeza, onde naceu, pero é lugués de toda a vida. E no pasado Nadal, grazas á poxa benéfica de Novas Xeracións, descubrimos que tamén é pintor de pincel (non de brocha gorda), pois nesa poxa podíanse conseguir varios cadros feitos por el.

Dende logo, este Goberno autonómico rompe moldes: os vaqueiros e as bufandas do conselleiro de Educación, o ‘descorbatismo’ (perdón polo palabro) dos de Economía e Medio Ambiente, as rebequiñas da de Facenda, os bolsos da de Sanidade… Fascinante e sorprendente.

Películas e PSOE

Luns, 27 de Abril, 2009

Cóntame un compañeiro que este domingo Xosé Manuel Barreiro falou de “películas” no xantar que o PP de Lugo organizou arredor do conselleiro leonés de Lugo. O compañeiro pregúntase se a expresión sairá do meu artigo do domingo, que termina dicindo que “algúns se están montando demasiadas películas”, unha expresión moi semellante, disque, á que usou Barreiro. Sei que conto co presidente do PP lugués entre os meus lectores dominicais, pero non lle preguntei por esta última. 

Barreiro ten agora posibilidade de devolver as acusacións, se quixera. Porque se Lugo non está moi ben representado na nova Xunta, segundo o PSOE, o certo é que tampouco está ben representado nos órganos de mando que xerou o congreso socialista desta fin de semana. Hai unha boa cota luguesa na Comisión Executiva, pero non así na permanente, que vén ser algo así como o gabinete de crise, o núcleo duro do partido, os que toman as decisións, en definitiva. Dos seus dez membros, só un é de Lugo: Ricardo Varela. E, tendo en conta que pertence á etapa que se vén de pechar, non sei canto poder terá a partir de agora. Un día destes teño que empezar a mirar como vai o proceso de creación de executivas provinciais no PSdeG.

(Volvendo ao meu último Septenario, este domingo sufrín a falta de aclimatación á nova Xunta: a Juárez quiteille o acento e a Hernández, o de Medio Ambiente, convertino en Fernández. Por sorte, esas cousas se poden corrixir na versión de internet). É o sarabullo habitual dos primeiros días. De aí pasaremos dentro duns anos á fase oposta: non saben que raro se nos facía no verán do 2005 non escribir automaticamente “o presidente da Xunta, Manuel Fraga…”

Demoras cibernéticas

Domingo, 26 de Abril, 2009

No post anterior teríame gustado meterlle un link ao conselleiro, máis que nada por iso de irnos familiarizando cos novos membros do Goberno galego (o link, por suposto, tería sido coa consellería)… pero foime imposible. Porque resulta que nestes tempos de cambio, nos albores da oitava lexislatura, as respectivas webs oficiais andan pouco actualizadas. Este sábado, por exemplo, era Alfredo Suárez Canal, o ex conselleiro, e non Samuel Juárez, o lugués da Bañeza, quen seguía saudando aos que visitaban a páxina da Consellería do Medio Rural. Era de supoñer que a web dun departamento que non cambia de nome sería de máis sinxela actualización, pero xa se ve que a fontanería de San Caetano é complicada abondo.

Non naveguei moito estes días polos dominios da Xunta, pero algunha compañeira conta que as webs están pouco actualizadas. Na principal, ningunha das consellerías ten, por exemplo, ligazón co seu respectivo sitio.

Nisto son máis rápidos os socialistas. En xullo do 2007, a web da Deputación de Lugo xa tiña o discurso de investidura de Gómez Besteiro unha hora e pico despois de rematar, e daquela xa era o político socialista o que saía no Saúda do presidente e non o anterior. Máis recentemente, José Blanco tomaba posesión da web do Ministerio de Fomento ás poucas horas de tomar posesión do departamento, e os lectores xa podían ver as súas fotos oficiais. Agora haberá que agardar a ver canto tardan os populares en redeseñar (e non só actualizar) todas as webs da Xunta: nos tempos do bipartito, houbo algunha que tardou máis dun ano. Por certo, saberá alguén o número exacto de páxinas webs que dependen da Xunta ou algún dos seus entes autónomos?