Posts etiquetados ‘Rodríguez Zapatero’

Nobel da paz

Luns, 26 de Outubro, 2009

Enlazando cos dous anteriores posts, leo un artigo de Fernando Jáuregui no que asegura que un dos soños de Rodríguez Zapatero é que lle dean o Nobel da Paz. Este ano concedéronllo a Obama, e non temos aínda moi claro que méritos fixo nos nove meses que leva gobernando o país máis poderoso da Terra. Máis ben é un Nobel polas expectativas que polos feitos. Se é por iso, poderían terllo dado a ZP, que si que ten algún mérito máis: retirou as tropas de Irak (non recordo se foi o primeiro dos socios de Bush que o fixo), non ten reparo en enviar soldados a países lonxanos en (presuntas) misións de paz, pariu unha Alianza de Civilizacións para que se achegaran o Islam e Occidente e puxo algo de calma nunha sociedade sobresaltada polo 11-M. Dende logo, non vai pasar á historia como O Pacificador, pero algo máis si que fixo.

Ai, eses idiomas!

Domingo, 25 de Outubro, 2009

Vexo a foto de ZP con cara de non entender nin papa do que lle di Obama na Casa Branca e penso na mala relación que teñen os políticos españois e os idiomas. Zapatero non os fala; Aznar tiña un inglés de chiste; González só falaba francés e de cando en vez, e de Rajoy, non sei. Paradoxalmente, son eses mesmos persoeiros os que nos convidan a falar idiomas.

En Lugo tampouco mellora a cousa. Orozco seica fala un francés pasable, e é unha excepción. Hai agora nove anos, cando o Comité do Patrimonio da Humanidade decidía en Cairns se lle daba esa distinción á muralla, o alcalde de Lugo enviara un telegrama (ou era un email?) ao rexedor da aquela cidade australiana, que dicía, en inglés, algo así como “Lugo é Cairns; Cairns é Lugo”. Non recordo se houbo resposta.

Máis rico ca un ministro

Martes, 20 de Outubro, 2009

Velaquí o bo de que haxa unha ministra tan noviña no Goberno de Zapatero: que algún poderá gabarse de que ten máis patrimonio que Bibiana Aído, segundo os datos publicados no BOE do pasado xoves. Abonda con que a vivenda dun mesmo teña un valor catastral superior a 38.918 euros. E a algúns xa nos gustaría chegar algún día aos case cinco millóns de Garmendia (que ten inmobles por un valor de 1,4 millóns: cantas vivendas ten esta muller?). Daríamonos cun canto nos dentes se Facenda se levara a metade de noso soldo, porque iso significaría que o salario anual ten seis ou sete cifras. E, xa postos a pedir, tamén nos gustaría ver as declaracións patrimoniais da clase política lucense.

Teorías políticas

Mércores, 15 de Xullo, 2009

Hai políticos que fan, en certo xeito, teoría política, porque non todo consiste en simplemente xestionar e gobernar. Por exemplo, Zapatero fixo toda unha doutrina (por chamalo dalgún xeito) ao redor do talante, utilizado en oposición á acritude despótica de que facía gala Aznar nos seus últimos anos. En Galicia, Xosé Cuiña inventou a autoidentificación, que nin é nacionalismo, nin galleguismo, nin independentismo, nin autonomismo, pero que ten un pouco de todo. Creo que foi outro galego, Fraga, o que conseguiu que a Constitución falara de autonomías e non de nacionalidades, como querían os máis nacionalistas. E agora, sen cumprir os cen días de mandato, Núñez Feijóo saca da manga outra desas expresións que promete quedar para a posteridade: galeguismo cordial.

Ben está que os pais da patria teoricen. Así polo menos sabemos que utilizan a cabeza para algo más que para amolar ao contrario ou xestionar os cartos públicos.

15. A medición do público

Venres, 27 de Febreiro, 2009

A CAMPAÑA vai pechar en Lugo cun clásico: un mitin de Manuel Fraga, que sempre é benvido por estas terras. Nesta ocasión, o PP utilizou pouco ao ex presidente, que no primeiro acto seu na campaña, en Portomarín, sinalou que “un xa ten certa idade”. Hai catro anos, populares e socialistas rivalizaran en mobilización popular, porque os dous empregaran o mesmo escenario na cidade de Lugo, o pavillón municipal de deportes. Quedaran en táboas, cunha lixeira vantaxe para Don Manuel. Desta, a comparación é difícil. O PSOE usou o pavillón, pero antes da campaña; o BNG, tamén, pero desta leva un escenario que ocupa moitísimo, e o PP aínda está por ver.

Con todo, comparar afluencia é unha cousa un pouco falsa cando se trata de partidos políticos. No mitin de Zapatero do 2005 (ao do pasado día 1 non fun) había xente de Santiago e das Rías Baixas, o que demostra que, no fondo, que se encha ou non un pavillón para un mitin central non é tanto cousa da simpatía que espertan os oradores como da capacidade de mobilización dos empregados do partido. Está claro que, por exemplo, o acto de Pérez Touriño o mércores cos xubilados en Lugo estaba cheo de xente próxima ao PSOE. Que sería dos partidos se non houbera xente carretando espectadores para os seus mitins? Nesta campaña, onde na rúa se apreciaba (vouno escribir en pasado) tanto desinterese, corríase o risco de ver aos candidatos falando para un mar de cadeiras baleiras.

Debates

Telelugo emitiu onte o segundo debate electoral da campaña. Foi a tres bandas, como o primeiro. Os tres cabezas de lista de Lugo debateron, que eu recorde, tres veces dende o día 13, e onte, se chegan a estar os candidatos do PP e o PSOE, tería sido a cuarta. Tamén estes días houbo un debate múltiple, televisado, nas eleccións vascas. Aquí debaten os segundos espadas pero non os primeiros, que prefiren agredirse en guerriñas tipo “e ti máis”.

Informais

Na campaña do 2005, Anxo Quintana sorprendíanos cada día cunha foto electoral que se saía do normal: nun barco con Bugallo (que foi dela?), ao pé dun carballo centenario de Soutomerille, cabo dunha gandeira de Lugo… Desta, o especialista nestas fotos curiosas ou informais é o seu número un por Lugo, Fernando Blanco. Aínda que tampouco se están a prodigar moito os candidatos, e mira que o tempo seco parecía que podía axudar.

6. O idioma destes días

Mércores, 18 de Febreiro, 2009

DE PRIMEIRAS, chocoume ver unha pancarta de Núñez Feijoo en castelán: é pouco habitual que os partidos galegos empreguen o idioma de Cervantes na cartelería dos comicios autonómicos. Despois, funme acostumando e agora xa non sei que dicir. En principio, está ben: é un xeito de demostrar que somos unha comunidade bilingüe, na que a xente emprega os dous idiomas cando e como quere: cos funcionarios, en castelán; cos veciños, en galego. Polo menos iso ocorre en boa parte das aldeas. O que pasa é que detrás desa aposta polo castelán e o galego está, seguramente, o temor a que o suposto conflito lingüístico que vivimos en Galicia lle reste votos conservadores ao PP e os leve a outros ámbitos, nomeadamente UPyD. Non está moi claro por quen vota Galicia Bilingüe, aínda que as malas linguas e internet téñeno ben claro, e a presenza do número dous de Núñez Feijoo na manifestación de Santiago contribúe a ratificar esa impresión.

Tampouco teño claro que é o que propoñen os principais partidos respecto do idioma. Feijoo sitúa a lingua no final do seu contrato con Galicia, mentres que UPyD pona xa no primeiro do seu decálogo. Iso de sintetizar as ideas, ben sexa nunha táboa de dez puntos ou nun contrato de catorce, está moi ben pensado para os que non temos gañas de perder o tempo lendo polo miúdo os programas electorais.

Trilingües

O que si defenden varios candidatos é que os nosos nenos cheguen a falar tres idiomas: castelán, galego e inglés, por exemplo. O que pasa é que teño o vago recordo de que esa promesa xa estaba noutros programas electorais. Haberá xeito de cumprila algunha vez? Seguro que internet fai máis por iso que o sistema educativo, e non estaría mal que os nosos políticos dean exemplo: dá un pouco de vergoña allea ver aos últimos presidentes do Goberno español acompañados dun tradutor nas grandes cumes internacionais. Dos galegos non podemos falar, porque non os chaman a elas, claro.

Prestige

Vai Zapatero na Coruña e resucita o fantasma do Prestige, ese nome que tantos pesadelos aínda nos dá. O mitin coruñés foi ao final dunha semana na que vimos paseándose pola Costa da Morte ao home que creou a expresión fiíños de plastilina, Mariano Rajoy. Con el ía outro dos implicados naquela catástrofe, Arsenio Fernández de Mesa, daquela delegado do Goberno. Foi como volver ao pasado.

Potenzia

Domingo, 26 de Outubro, 2008

Vanme perdoar, porque vou desbarrar e ser un pouco cruel. A min isto de Rodríguez Zapatero (neste caso valería poñer ”España”) mendigando a presenza do Goberno español no cumio económico de Washington recórdame o título dun antigo programa da TVG, Somos unha potenzia (con z), que conducía Carlos Blanco. O presentador tiña simpatías nacionalistas, e dunha consellería nacionalista, da Vicepresidencia nada menos, saíu meses despois unha campaña de nome parecido, Somos potencia (con c).

Eu xa escribín aquí sobre ese programa, en concreto, sobre a atípica intervención de Xosé Blanco, que algún definiu como “un mitin”. A Blanco, deputado por Lugo e vicesecretario xeral do PSOE, téñeno moi crucificado en certos ambientes. Estes días estano a machacar cun suposto desprezo ao Real Madrid, que a algún colega do universo dixital lévalle a sorprenderse de que en El cuaderno de Pepe Blanco só entraran dous comentarios críticos.

A visita de Zapatero

Domingo, 12 de Outubro, 2008

Pois si, vai vir Rodríguez Zapatero, presidente do Goberno… pero non a Lugo. Si estará en Galicia nesta semana que comeza mañá. Concretamente, o día 18 presidirá a xuntanza do consello territorial federal do PSOE, que é o órgano que reúne aos presidentes autonómicos socialistas e aos secretarios xerais de tódalas federacións. A xuntanza será no Hostal, ou sexa, en Santiago.

José Blanco, o lugués que é número dous do PSOE, expresaba o outro día a súa estrañeza porque houbera alguén alimentando a posibilidade de que o seu superior estivera no San Froilán. “Nin está na súa axenda nin pode estes días”, dixo o vicesecretario xeral do PSOE.

Visitas

Venres, 3 de Outubro, 2008

Coa escusa do San Froilán e cos PXE (Presupostos Xerais do Estado) ao fondo, Pérez Touriño non fallará á súa cita anual con Lugo en outubro. Desta escolleu un día complicado: o Domingo das Mozas, que este ano fóra da capital vai ser só o día da patroa da Garda Civil (a Virxe do Pilar), coa chea de compromisos que iso xera para os alcaldes. Algún rexedor xa se queixou, como me recoñecía hai uns días, aínda que sen dicilo, algún dirixente socialista.

A pregunta é se PT vai coincidir con Rodríguez Zapatero, porque ultimamente está circulando pola cidade o runrún de que o presidente do Goberno igual vén ao San Froilán, como xa fixera no 2004, aos sete meses de tomar posesión. Sería unha compensación cara aos socialistas galegos, din, por ter cancelado a súa presenza no acto de Vilagarcía. O Concello convidouno, como fai dende hai anos, pero oficialmente non hai nada.

O que si vai vir na semana grande do San Froilán vai ser José Blanco. E este fainos un favor aos da prensa, porque vai vir nun dos días máis frouxos, tanto informativa como (en parte) festivamente.

O novo goberno

Sábado, 12 de Abril, 2008

(Un marcha de lúa de mel e á volta atópase que lle cambiaron o formato e o editor de textos. Dende aquí, no meu nome e o dos meus compañeiros blogueiros, xa pido desculpas polas cafradas que seguro que imos facer nos vindeiros días.)

Ben, pois ao final non hai ministro lucense, en contra do que se presumía, e ZP fixo poucos cambios no seu Goberno e confirmou un ruxe ruxe que o mesmo venres tiña estupefacto a algúns socialistas lugueses cos que falei: que Maleini segue.

De tódolos xeitos, como galegos non nos podemos queixar: o seis por cento da poboación de España está representado no Goberno central por tres ministros (aínda que algún non exerce de galego), o que significa o 16 por cento do Executivo. E sempre nos queda ver se no segundo posto do escalafón (secretarios e directores xerais) cae algún cargo para Lugo.

Como consolo, tamén podemos pensar que este é, din, un Goberno para dous anos, ata que España presida a CE, e nesa previsible renovación é onde moitos dan por feito que José Blanco vai estar nun ministerio. De ser certa esta hipótese, quedaríanlle dous anos para buscar un sucesor no partido e, sobre todo, para conseguir que o PSdeG sexa o máis votado nas eleccións do 2009.

Por certo, nun dos vindeiros consellos de ministros é previsible que se nomee o director da Confederación Hidrográfica do Miño. Estará disposta a ourensá Elena Espinosa, nova titular de Medio Ambiente (e Medio Rural e Medio Mariño), a darlle o cargo ao lugués Francisco Fernández Liñares? Xa veremos.