Posts etiquetados ‘Ricardo Varela’

Películas e PSOE

Luns, 27 de Abril, 2009

Cóntame un compañeiro que este domingo Xosé Manuel Barreiro falou de “películas” no xantar que o PP de Lugo organizou arredor do conselleiro leonés de Lugo. O compañeiro pregúntase se a expresión sairá do meu artigo do domingo, que termina dicindo que “algúns se están montando demasiadas películas”, unha expresión moi semellante, disque, á que usou Barreiro. Sei que conto co presidente do PP lugués entre os meus lectores dominicais, pero non lle preguntei por esta última. 

Barreiro ten agora posibilidade de devolver as acusacións, se quixera. Porque se Lugo non está moi ben representado na nova Xunta, segundo o PSOE, o certo é que tampouco está ben representado nos órganos de mando que xerou o congreso socialista desta fin de semana. Hai unha boa cota luguesa na Comisión Executiva, pero non así na permanente, que vén ser algo así como o gabinete de crise, o núcleo duro do partido, os que toman as decisións, en definitiva. Dos seus dez membros, só un é de Lugo: Ricardo Varela. E, tendo en conta que pertence á etapa que se vén de pechar, non sei canto poder terá a partir de agora. Un día destes teño que empezar a mirar como vai o proceso de creación de executivas provinciais no PSdeG.

(Volvendo ao meu último Septenario, este domingo sufrín a falta de aclimatación á nova Xunta: a Juárez quiteille o acento e a Hernández, o de Medio Ambiente, convertino en Fernández. Por sorte, esas cousas se poden corrixir na versión de internet). É o sarabullo habitual dos primeiros días. De aí pasaremos dentro duns anos á fase oposta: non saben que raro se nos facía no verán do 2005 non escribir automaticamente “o presidente da Xunta, Manuel Fraga…”

18. A arte de quedar todos contentos… ou non

Luns, 2 de Marzo, 2009

O MELLOR dunhas eleccións como as que vimos de celebrar onte é que todo o mundo queda máis ou menos ledo… case sempre. E escribo “case sempre” porque onte á noite había algún socialista de Lugo que non estaba nin para coller o teléfono.

Pero no caso concreto desta provincia, moitos teñen motivos para dar saltos de alegría, aínda que, se cadra, non polos resultados provinciais do seu partido… ou si.

Barreiro

Por suposto, o máis contento vai ser Xosé Manuel Barreiro, que obtén un éxito electoral ao que ultimamente non estaba afeito, porque gañar gañaba sempre, pero iso non representaba estar no goberno. Desta, cunha cabeza de lista imposta dende Santiago e cando as enquisas previas auguraban que o PP perdía un escano en Lugo, os resultados finais son realmente para celebrar dentro do partido. Non houbo suba, como si ocorreu na Coruña ou Pontevedra, pero tampouco caída (nin sequera en porcentaxe de votos), o que pode ser un aval á hora de pedirlle a Núñez Feijoo que teña en conta aos lugueses cando confeccione o seu goberno. Ademais, Barreiro conta cun aval engadido: despois de moito tempo, o PP gañou claramente na capital provincial, e Lugo mantense como segundo almacén de votos autonómicos populares.

A recuperación da Xunta seguro que tamén leva a ledicia a moitos populares: ábrese unha bolsa de emprego importante, aínda que o presidente electo xa anunciou que vai reducir o número de consellerías e incluso o de delegados provinciais. Haberá que contentarse con direccións xerais ou xefaturas de negociado ou de servizo.

Ben, tamén podemos mirar cara arriba e pensar noutras cousas: que consellería lle tocará a Lugo? Quen será conselleiro? Veremos a Raquel Arias culminando a súa carreira á dereita de Núñez Feijoo -non sei se aproveitar este momento para recordar que fun dos primeiros en gabala como oradora ;-) ? Haberá unha consellería de Pesca para José Manuel Balseiro ou unha presidencia do Parlamento autonómico para Agustín Baamonde ou Daniel Varela? Claro que, de facer caso ás cousas que dicía o socialista Ricardo Varela durante a campaña -que Arias e Barreiro non se falaban-, se cadra o ascenso de Arias non beneficia ao presidente provincial do PP e, sempre segundo esa teoría, Balseiro e Baamonde, pola súa proximidade a Barreiro, igual non o teñen tan doado.

Outra lectura que lles gustaría a algún (especialmente os socialistas nesta hora de dor) é que Núñez Feijoo queda agora lexitimado para desmantelar definitivamente o grupo da boina do PP galego; claro que Barreiro é máis dócil que o irredento Baltar, e por aí non vai ter problema.

Blanco (Fernando)

O nacionalista Fernando Blanco tamén ten algún motivo para sorrir, aínda que perderá o despacho oficial. Lugo, con Ourense, foi a única provincia onde o BNG subiu, e nalgúns dos concellos con alcalde bloqueiro (Riotorto, A Pobra de Brollón) esta formación plantoulle cara ao PP.

Haberá que ver como lle afectan a Lugo as peticións de contas que vai facer a UPG en Santiago. Quen sabe? Se cadra, mesmo Blanco (o conselleiro nacionalista mellor valorado) pode optar a algún cargo no Bloque, a nivel nacional, se o partido abre unha purga para levarse por diante a Quintana.

Ricardo Varela

O que queda menos claro é o futuro de Ricardo Varela, vicesecretario xeral do PSdeG. Os resultados electorais non foron tan malos… descontando a cidade de Lugo. Moitas das novas alcaldías déronlle bos réditos ao PSOE (A Pontenova, Láncara, Navia de Suarna…) e algunhas das veteranas mantiveron o tipo (nomeadamente, Pedrafita), aínda que algúns clásicos fallaron (Foz, As Nogais). Pero o de Lugo cidade foi un forte golpe, que pode ter consecuencias para López Orozco.

O que pasa é que, con isto das eleccións autonómicas, o PSOE galego deixou aprazado para esta primavera un asunto que vai reabrir máis dunha ferida: a reorganización do partido, para darlle unha estrutura provincial. Vai ser unha boa ocasión, primeiro, para mandar para a casa a Pérez Touriño (o segundo socialista galego que perde o goberno) e, a continuación, para levarse por diante a algún dos xefes actuais. Varela pode, nesta situación, ou ser o piloto do cambio, tanto na secretaría xeral galega como na organización territorial, ou ser arrastrado pola marea.

Blanco (Xosé)

É posible que o futuro do actual número dous do PSdeG non dependa de Lugo, senón de Madrid. Haberá que ver como lle senta ao PSOE nacional esta derrota en plena crise e como queda o seu número dous, o tamén lugués José Blanco. Responsabilizarao Rodríguez Zapatero do fracaso? Ou será o recambio para Pérez Touriño, como xa ten apuntado algún cronista político galego? Ou ascenderán a Blanco a ministro para que se enfronte con Núñez Feijoo, que seguro que vai dar guerra co tema das infraestruturas?

Porque non é a primeira vez que o presidente electo se enfronta cun Goberno central do PSOE. Xa o fixo entre marzo de 2004 (cando Zapatero gañou) e xuño de 2005 (cando Touriño gañou), e a liorta foi boa: de feito, neses quince meses Manuel Fraga usara a Núñez Feijoo de ariete contra unha ministra de Fomento que segue a ser a mesma.

Gómez Besteiro 

As perspectivas que se abren no PSOE lugués son tan variadas que mesmo poderíamos ver a un presidente de Deputación de Lugo, Xosé Ramón Gomez Besteiro, emigrando a Santiago. O que vai ser a institución provincial, dende logo, é un ariete contra a Xunta popular, aínda que nos primeiros intres, e de portas fóra, haberá poses de colaboración «leal e institucional» entre as dúas institucións. Non serán cribles, claro.

No que si vai ser protagonista a Deputación é nos movementos de postos de traballo que vai haber nos meses inmediatos: onde imos colocar, se non, a todos os socialistas e nacionalistas que tiñan copados os postos intermedios na Xunta?

Tres momentos

Emoción. Xsé Manuel Barreiro chegou a emocionarse no seu discurso de onte á noite, na sede popular. Os resultados en Lugo e en Galicia, e esa luz que o PP ve ao final do túnel, xustifícano.

Silencio. Algún socialista lugués quedou tan ofuscado que nin gañas tivo de poñerse ao teléfono para atender á prensa.

Urbanitas. Unha gráfica (e quizais acertada) explicación do fracaso do BNG, que medra na Galicia interior e baixa na urbana: “A culpa foi dos pijos urbanitas”, dito por un militante bloqueiro.

13. Os mitins interactivos

Mércores, 25 de Febreiro, 2009

NON SABE a televisión francesa (se cadra, si que o sabe) canto fixo pola política deste país. Dígoo por Tengo una pregunta para usted, ese formato televisivo que cada vez que sae arrasa os audímetros. E non só iso, senón que o devandito formato mesmo tense incorporado á vida real. O exemplo máis recente é o de Anxo Quintana, que o venres pasado someteuse ás preguntas dun grupo de escollidos na Coruña, para suplir o debate ao que se negou Núñez Feijoo. É de supoñer que os escollidos serían próximos ao BNG, que no fondo aquilo era un mitin e a estes actos non convidas aos da outra banda.

Ao día seguinte, quen tamén viviu un mitin interactivo foi José Blanco en Cedeira, pero daquela non estaba organizado. Simplemente, no medio do acto a xente comezou a lembrarlle logros do PSOE naquel concello coruñés. Caso aparte foi o dunha señora da cuarta fila que pasou o acto enteiro dicindo ‘non’, ata que Blanco, dende o estrado, anuncioulle que á saída “explicareille o que queira”. No fondo, aos electores gústanos que nos falen a nós persoalmente e a algúns agrádalles que as cartas electorais teñan unha sinatura supostamente manuscrita. Por iso foron tan exitosas as primeiras campañas porta a porta de López Orozco, aínda que o discurso fora idéntico piso a piso. Por iso tamén nas primeiras eleccións da democracia (1977), tiveron moito éxito as fotos dedicadas de Adolfo Suárez e Felipe González.

Fútbol

Habería que estudar máis polo miúdo a relación entre o fútbol e as eleccións. Cambiará a xente o seu voto en función do resultado do seu equipo? Deixará de ir votar porque o seu favorito perdeu? Dos equipos que interesan en Galicia, un, o Madrid, xoga este sábado, e os outros tres (Deportivo, Celta e Barça), o domingo. O que si pode haber é moita lamentación despois das oito: perderon os meus no fútbol, no baloncesto e nas eleccións. Menos mal que estes comicios son pouco tensos.

Cocidos

As campañas adoitan ter efecto sobre o físico dos candidatos; nótase especialmente na voz, que máis de un chega mudo ao derradeiro día. O que non sabiamos é que tamén lle afectaba á liña a algún. É o caso do cabeza de lista do PSOE por Lugo, Ricardo Varela, quen leva varios días seguidos rematando a xornada cun cocido na Montaña. O conselleiro faise de rogar e promete que é a última vez, pero non hai xeito de evitalo. Viva o Entroido.

11. Diferenzas de campaña

Luns, 23 de Febreiro, 2009

COMO AS persoas son diferentes, as campañas electorais tamén deberían selo. O que pasa é que non sempre se cumpre esa perogrullada. Os estrategos electorais e as cousas do márketing fan que un candidato sexa perfectamente intercambiable polo outro, sempre que sexan do mesmo partido. E das mensaxes xa non falamos. Aínda así, un ve lixeiras diferencias, polo menos no que se refire á provincia de Lugo. Por suposto, os cabezas de lista dos tres principais partidos coinciden en zoscarlle aos demais, que se non hai paus non ten graza o mitin. Nisto era un especialista O Beiras.

Porén, os golpes entre os tres teñen os seus matices: PSOE e BNG non se tiran os trastes, que despois de que o PP pasara toda a lexislatura falando do bi-goberno, só faltaría que estes viñeran darlle a razón na campaña. Nas ringleiras populares, Raquel Arias ataca con todo, coa experiencia que xa ten dos meses en que se enfrontou ao bipartito da Deputación. No Bloque, Fernando Blanco vai ao seu. E no PSOE, Ricardo Varela ten unha declarada querenza por pegarlle ao PP. Dá a sensación de que ás veces prefire ver a palla no ollo alleo (e retorcela ben) que defender a postura propia. Quizais sexa porque os socialistas teñen claro que o único xeito de medrar é sacándolle votantes ao Partido Popular.

Xeitos

Outros candidatos fan outras campañas distintas. Por exemplo, Luis Pérez de Llano, o cabeza de lista da UPyD, especializouse nos comunicados de prensa minimalistas, moi ben redactados por certo, nos que opta por unha campaña ética, por dicilo dalgún xeito: quéixase da dilapidación de cartos, da falta de debates serios ou de que os partidos maioritarios queren afogar aos pequenos. Esquerda Unida decántase pola internet, aínda que con contagotas; Terra Galega móvese polos seus territorios e dos demais sabemos ben pouquiño.

Avogados

A falta dunha candidatura en Lugo, Os Verdes están a enviar emails con reflexións do máis variado. Por exemplo, hai uns días o seu presidenciable, Francisco Vicente, congratulábase de que non houbera políticos entre os detidos en Galicia pola venta de Rolex falsos por internet. Aínda que a mellor proposta que presentou este candidato é a de promover unha folga de avogados. Non, o home non toleou; el asegura que xa hai uns que están en folga: trátase dos avogados dos cidadáns, é dicir, os parlamentarios.