S. Antonio
Martes, 14 de Xuño, 2016HAI SANTOS máis populares que outros. Este luns celebramos un deles, San Antonio. Este é deses que adquire nome diferente segundo o sitio. Na meirande parte da cristiandade asóciano á cidade italiana na que morreu, Padua. En Portugal recórdano polo sitio no que naceu: Santo António de Lisboa. E en Madrid asóciano á Florida, o barrio da cidade no que está a ermida á que van as rapazas casadeiras a buscar mozo. É curioso que Madrid, unha cidade supostamente tan adiantada (todo o mundo pensa que canto máis grande é un sitio, é socialmente máis avanzado e progresista), conserve tradicións tan antigas como esas. Claro que a festa grande de Madrid (15 de maio, San Cidre) está adicada ao patrón dos labregos, profesión da que xa case non quedan practicantes nesa vila de 3,1 millóns de habitantes. O que pasa é que dá igual: a partir de certo tamaño, téndese a esquecer a quen vai dedicada a festa, mesmo se tende a postergar a súa orixe relixiosa, daqueles tempos en que o mundo era maioritariamente incomprensible e a xente de a pé pensaba que as cousas ocorrían por causas divinas ou máxicas (creo que agora estamos volvendo a iso, vía internet). Penso se haberá moitos vigueses que saiban que vitoria dá nome ao Cristo da Vitoria, ou cantos santiagueses confundirán Ascensión (as súas festas de primavera) con Asunción, ou quen era ese San Froilán (venerado, como San Antonio, tanto onde naceu como onde morreu) que enche Lugo de troula en outubro. Son todos santos católicos, pero non creo que a Igrexa considere un éxito que todo o mundo honre aos seus santos sen telos presentes.