Que difícil é atopar un inspector
Martes, 2 de Xuño, 2009Contaba na crónica deste domingo que un dos postos que más complicado está resultando de cubrir na estrutura provincial da Xunta en Lugo é o de inspector xefe de Educación (hai que aclarar a consellería, xa que tamén existe este cargo, por exemplo, na área de Transportes). Houbo xa varios ofrecementos, pero por agora ninguén aceptou. Mesmo llo ofreceron a un dos delegados provinciais da Consellería de Educación nos tempos de Manuel Fraga, pero declinou a oferta.
No fraguismo, os inspectores tiveron moito peso na política luguesa, tanto na educativa como na xeral: eran inspectores o último conselleiro, Celso Currás, e tamén os dous últimos delegados provinciais, Pablo González Moreiras (que despois foi o último director xeral de Política Lingüística de Fraga) e Xaime Santoalla. Non recordo se o predecesor do primeiro, Ángel Fernández, tamén era inspector. E do gremio era, claro, o home que máis mandaba en Lugo, Francisco Cacharro, presidente da Deputación Provincial.
Na Deputación, á fronte da área de Infraestruturas, está agora un dos inspectores que máis rebumbio armou co seu nomeamento, Manuel Martínez, quen conseguiu a praza dun xeito que lle valeu varias críticas de parte do PP. Supoño que este socialista, alcalde de Becerreá, é un dos que non encaixa no perfil da persoa que están a buscar para inspector xefe. Ao final, é probable que siga sendo Federico (non din atopado o apelido), o actual, un home que ten tido varias discrepancias con algún alcalde da Montaña.