Posts etiquetados ‘publicidade’

Máis paraugas

Martes, 2 de Decembro, 2014

AQUEL paraugas estampado, tan metrosexual el, que comprei na primavera de 2010 (ou iso di o arquivo) acabou por ser malo. Así que dende hai un tempo ando con paraugas publicitarios, deses que regalan nas tendas: se rachan, doerame menos que se o fai un que me custou unha cantidade de tres díxitos, adquirido nun comercio especializado. O que pasa é que non é doado levar un paraugas publicitario. Hainos discretiños, cun logotipo mínimo, como o da miña óptica, pero tamén os hai rechamantes, deses cos que pareces un home anuncio: son para xente con carácter ou desinhibida. Logo están os que tes que explicar: un dos que teño, por exemplo, sobreviviu á tenda de roupa íntima na que mo regalaron tras unhas compras de Reis. A tenda pechou hai anos, pero o seu logo aínda non se borrou do meu paraugas, así que sempre hai quen pregunta de onde saíu. Neste tipo de obxectos hai mensaxes e mensaxes. Ás veces, non só anuncias a marca, senón que tamén te anuncias a ti: un paraugas co logo da tenda oficial do Museo de Mucha (Praga) ou das Galeries Lafayette (París) está dicindo que ti estiveches neses sitios. Claro que isto último non é sempre certo, porque non hai que desprezar ese vicio que teñen os paraugas de extraviarse ou quedar en calquera sitio. Pero aínda así cumpren o seu obxectivo: dar publicidade á marca… mesmo cando os seus delicados ‘cadáveres’ empezan a encher as papeleiras da cidade.

(Na foto, uns paraugas sen publicidade en ‘Enviado especial’, de Hitchcock, imaxe tomada do blog I’m Mr. Kaplan).

Letras sorprendentes

Martes, 20 de Marzo, 2012

SON un amante da letra pequena comercial, porque acaba deparando saborosas e divertidas sorpresas. Co adxectivo “comercial” refírome a etiquetas, prospectos, publicidade e cousas desas, porque a letra pequena das hipotecas, por exemplo, pode dar sorpresas, pero de divertidas van ter pouco. Sen ir máis lonxe, o dentífrico que estou a usar estes días afirma conter un elemento que, polo que di na información da caixa, debe de ser a panacea universal, o mellor limpador do mundo. A sorpresa vén cando miras a composición e descobres que o elemento supostamente milagreiro é o noveno en importancia na lista de ingredientes e só representa o 0,12 por cento do produto (ou sexa, que a cantidade que vai en cada cepillado é inapreciable). Tamén hai letras pequenas que esixen moito do consumidor, como un edredón que teño que se aconsella “lavar por separado tres veces”; pregúntome se os fabricantes confían en que eu leve a conta das veces que meto na lavadora ese tipo de pezas, e non aclaran se esas tres veces son nada máis compralo, se poden ser máis adiante ou se teñen que ser seguidas ou non. Pero a prenda que máis me fixo rir ultimamente é un bóxer de algodón (95%) e elastano (5%) que comprei a semana pasada e que na restra de etiquetas interiores traía unha que poñía: “Manter lonxe do lume”. O aviso está de máis, porque esa é a parte do corpo que máis lonxe queremos ter os homes do lume… ou era ao contrario?


Outros finais:

 O derradeiro parágrafo foi o final que finalmente saíu publicado na última páxina deste martes, pero estiven dubidando entre estes outros:

Enténdese que terei que sacalo cando sinta lume ‘corporal’? Grazas por avisar

A mágoa é que non aclara a que tipo de lume se refire: eléctrico, químico, gaseoso… corporal?

Vaia por Deus: non poderei presentarme con el ás probas de bombeiro nin lavalo na vitrocerámica.

Sexo e fútbol

Sábado, 25 de Xullo, 2009

Equipación do CD Lugo para a tempada 2009-2010 (Foto: J. Vázquez)

Jorge Dorribo está, paseniño, a converter a súa empresa, Laboratorios Nupel, nun referente en materia publicitaria, polo menos no eido deportivo. Patrocina o equipo de rallyes de Sergio Vallejo (Valeixo, en dialecto de Meira) e dende esta tempada tamén pon publicidade nas camisetas do CD Lugo dunha das marcas que comercializa: os preservativos Profilatex. Ten o seu punto este anuncio: é como se lles estivera a dicir aos seareiros do Lugo que, se celebran as vitorias por todo o alto, o fagan con precaución. Seguro que a algún afeccionado non lle importa gastar o soldo en preservativos se iso significa que o club vai ben. O importante é non incorrer en penaltis.

Publicidade

Martes, 31 de Marzo, 2009

Cartel electoral de Xuventudes Socialistas (Foto: Pepe Álvez)

Pérez Touriño e, en menor medida, Núñez Feijóo seguen estando presentes nos carteis publicitarios de Lugo cando xa pasaron catro semanas dende as eleccións autonómicas. Anxo Quintana, en cambio, desapareceu xa hai uns días, substituído por anuncios de moblerías, entre outros. Non sei se será consecuencia da Crise, que non hai quen se anuncie, ou se socialistas e populares andaban tan sobrados de cartos que pagaron xornadas de máis. Pero resulta chocante seguir a ver estes días o anuncio do “Queres que volvan?”, porque a esta pregunta xa lle temos resposta, non?