Posts etiquetados ‘poesía’

Mil

Mércores, 10 de Xuño, 2015

MIL é un número máxico, redondo, case perfecto. Nos Evanxeos danlle ese carácter ao sete, e non hai coñecemento de ningún ser humano que chegara a cumprilos: nin sequera o socorrido Matusalén, que non pasou dos 969 anos. Así que é normal que se faga festa cando algo chega a mil. Estes días, en Galicia estamos de celebración porque o Luar está a facer os mil programas. Case nada. Hai xente que cando naceu xa estaba O Gayoso na tele. Poderase detestar o programa, aborrecer a súa selección musical ou o que queiras, pero non se poderá negar a capacidade do Gayoso e o seu equipo para manter unhas cotas de audiencia que xa lle gustarían, por exemplo, aos programadores dos shows que perpetra TVE. Poderase odiar a O Gayoso, pero haberá que recoñecer a súa capacidade para conectar cun amplo segmento de poboación: Que pasa? É que os únicos programas de televisión válidos son os documentais de La 2? Aquí o único ‘milenario’ que pode competir con ‘Luar’ é o de Xavi, xogador que o sábado rozou os mil partidos entre o Barça e a selección española de fútbol, ou iso dicían na retransmisión da final. Pero tamén chega aos mil, títulos neste caso, a colección Visor de Poesía, si, a das portadas negras. O tema pasou inadvertido, agás na feira do libro de Madrid. Pero iso pasa por non saber promocionalo: se O Gayoso se pon, mañá sacamos unha canteira de poetas e facemos de Galicia o sitio onde máis poesía se le.

Marianne

Venres, 26 de Setembro, 2014



ESTES días quedei varado en ‘So long Marianne’, a canción que Leonard Cohen lle dedicou a una moza norueguesa que tivo. Cancións dedicadas hai moitas: mesmo eu teño protagonizado algunha: “Para Manolo e Ángel, dos seus pais, no día da súa primeira comuñón», dicían pola radio, e soaba Juanito Valderrama (agora non se leva: o dos discos dedicados, digo, que o das comuñóns mesmo vai a máis). Cohen, que saca disco este martes, escribiu outras composicións, igual de inmortais, para mulleres como unha tal Suzanne ou a dona dalgún amigo (‘I’m your man’). É doado caer na (romántica?) tentación de dedicarlle unha canción a alguén só porque o seu nome coincide co título. Hai anos estiven xuntando pezas para facer un cedé e regalarllo aos pais dunha nena chamada Sara. É un nome que inspirou a moita xente: El Último de la Fila, Fleetwood Mac, Bob Dylan… Na procura apareceu unha ‘Sara’ galega, obra de ‘Los Suaves’, pero, obviamente, desboteina: conta a violación dunha menor polo seu pai. E é que mesmo os títulos que parecen inocentes dedicatorias agochan cousas tremendas ou inesperadas. Volvendo á balada que non saco da cabeza dende que lin unha reportaxe sobre un libro centrado en Marianne Ihlen, a propia protagonista da canción di que ese xardín de lilas da terceira estrofa non se refire a ela, senón a outra muller. Xa digo: as lecturas literais non sempre son boa idea; velaí a graza da poesía.