Posts etiquetados ‘Paz Abraira’

O adeus dun home tranquilo

Luns, 27 de Xaneiro, 2014


Esta semana cumprirase un mes da marcha oficial de Xosé Antón Bao da casa do Concello de Lugo. Despois de moitas voltas, mesmo xa sabemos quen vai ocupar o seu escano no grupo do BNG. Trátase de Cristina Ferreiro, que, como Bao, forma parte da historia recente do partido na provincia. A traxectoria do exconcelleiro daría para escribir un libro: edil en Becerreá, deputado provincial, presidente do Breogán, candidato ao Congreso (2004), vicepresidente da Deputación, concelleiro raso en Lugo, tenente de alcalde no mesmo concello e, finalmente, membro dunha oposición tenaz: o seu ‘non’ aos orzamentos de López Orozco, sumado á negativa do PP, foi o que fixo que o Concello de Lugo vaia seguir este ano (en principio) coas mesmas partidas de 2013.

Algúns puxéronlle os cornos e o rabo que moitos lles debuxan aos nacionalistas galegos, pero o certo é que na distancia curta gañaba moitísimo, ata ser un tipo entrañable. Algunha vez chanceamos sobre os seus xemelgos: “Teño a sensación de que me preguntas polos nenos para ver se baixo as defensas”, díxome unha vez, entre risas, cando eu intentaba que me adiantase non sei que noticia política. Contraataquei días despois dicíndolle: “Vasmo dicir ou terei que preguntar polos nenos antes?” Todo, por suposto, nun ton xovial e distendido entre os dous.

Menos distendidas foron as relacións coa UPG, segundo din as malas linguas. De feito, hai quen atribúe o seu adeus ás presións da ‘U’. Tal cousa mesmo se chegou a publicar nalgunha web o día do anuncio. Horas despois, o post foi retirado e, finalmente, publicouse de novo, pero matizado, dando a entender que, por unha vez, un político non minte cando di que se vai por motivos persoais. No adeus, o BNG organizou un acto que quería ser informativo e foi emotivo, no que houbo bágoas e apertas a tres bandas, con Bao, Álex Penas e Paz Abraira (os tres, na foto). Sería para evitar ruxerruxes.

O certo é que os seus quince anos en política deron para moito, e diso dá fe o arquivo de El Progreso. Alí aparece en Becerreá a carón de Manuel Martínez, agora alcalde dese concello, cando os dous se puxeron diante das máquinas da autovía. E tamén aparece negociando con Gómez Besteiro o primeiro bipartito da Deputación (xullo de 2007), días despois de facelo con López Orozco. Con este último, o pacto foi imposible; con Gómez Besteiro foi rápido e sinxelo. El mesmo o recoñecía na entrevista que lle concedeu a Xoán C. Vidal.

Os xornalistas que agardabamos no Méndez Núñez a ver en que acababan aquelas xuntanzas co PSOE polo goberno da Deputación aínda recordamos o cabreo que pillou Bao cando veu pasar pola porta do hotel a Orozco. “Que pasa? Agora vén a ver se fode isto tamén?”, preguntouse para si, pero nun volume suficientemente audible. Agora que chega ao medio século de vida (o 29 de marzo, concretamente), quizais estaría ben que contara cousas como esas nunhas memorias: outros, con menos traxectoria e interese, xa as escribiron. Polo de agora, como aínda mantén a conta en Twitter, sabemos que segue indo ao Breogán; é, coa familia e a política, unha das súas grandes paixóns.

Blogs nacionalistas

Mércores, 4 de Xuño, 2008

Volvendo ao tema dos dous últimos posts: calquera diría que Xosé Anxo Lage me le (véxase o cuarto parágrafo da información de hoxe. Por certo, vexo que o voceiro do BNG en Lugo recupera a súa presenza na esfera blogueira. Lage deixárao despois das eleccións locais do 2007, mentres que a súa compañeira de grupo Paz Abraira mantivo o contacto e agora ten a dirección de antes e unha nova, dentro da rede de blogs nacionalistas. O que se mantivo activo dende o 2007 foi Xosé Manuel Becerra, voceiro do Bloque no Corgo, quen este mércores daba as notas dos exames para unha praza de alguacil-porteiro. Non sei a que esperan os bloqueiros da Deputación para sumarse ao blogmillo.

O ‘book’ de Abraira

Venres, 7 de Marzo, 2008

Non me resisto, neste último día desta campaña electoral truncada (como, ¡ai!, a de hai catro anos), a poñer aquí as fotos dunha candidata á que parece que non lle importou ser fotografada de xeitos moi curiosos: Paz Abraira, a cabeza de lista do BNG para o Congreso. É normal, que conste, que sexa ela a que ten as fotos máis curiosas, porque foi a que fixo a campaña máis longa.

Indo por orde cronolóxico, velaquí a teñen na Feira do Queixo de Monterroso:
Paz Abraira, na Feira do Queixo de Monterroso

Aquí, nun batuxo polo Miño:
Paz Abraira, manexando un batuxo

Aquí, na feira de Sarria (e algún pode dicir que é unha muller que se apunta a un bombardeo):
Paz Abraira, na feira de Sarria

Aquí, en Monforte:
Paz Abraira xoga ó dominó en Monforte

E aquí, axudando nunha granxa de San Xoán do Alto (Lugo):
Paz Abraira axuda nunha granxa de Lugo

E estou convencido de que no seu gabinete de prensa téñenas MÁIS boas e MENOS publicables.