Esta foi unha semana orzamentaria. Falo da Deputación, claro, que despois de ternos dando prazos (primeiro, a finais de ano; despois, en febreiro; máis tarde, en marzo…) incumpridos, ao final presentou os primeiros orzamentos do bipartito (“goberno compartido”, dixo a socialista Rexina Polín; “bigoberno”, insistirá o popular González Barcia). Ten algúns elementos interesantes. Por exemplo, o BNG manexa o que lle correspondía, segundo o reparto de tarefas, pero só do orzamento da Deputación. Porque se facemos o cálculo dende o consolidado (Deputación + Inludes + Suplusa), a porcentaxe baixa do 26,06 ao 20,25. Na área nacionalista din que “renunciamos a pedir máis porque quixemos facilitar o labor do goberno porque o orzamento era complicado”, por aquilo das débedas históricas.
Dende o principio, o novo equipo quixo marcar diferencias, aínda que o resultado foi o mesmo que antes: un non da oposición nas comisións informativas e na xuntanza do comité reitor do Inludes. Ademais do xantar no paseo do Rato para presentar os orzamentos deste último (moi rica a comida, aínda que algún se queixou de que o branco non fora un Ribeira Sacra), houbo outros detalles curiosos, como esa rolda de prensa en San Marcos o día da festa dos funcionarios, o 22 de maio. “Se fai falta, baixo eu a abrir a porta”, avisáranos o día anterior Gómez Besteiro. Non fixo falta. Iso si: só Polín lembrou que, oficialmente, o 22 de maio, e dende que se aprobou o regulamento de honras e distincións, é o Día da Provincia.
E outro detalliño para a posteridade: estas van ser coñecidas como as roldas de prensa do card-drive, porque foi o formato informático no que nos deron a documentación. O mércores, un día antes do xantar do Rato, o Concello de Lugo dera un pen-driver coa súa nova imaxe: que antigo!
Bueno, que conste que antes os orzamentos presentábanse, se cadraba, nas roldas de prensa del azucarillo, que é como chamaban popular e internamente na Deputación ás que celebraba Cacharro Pardo os venres. Agora xa non hai nin azucariño nin café… e ás veces, nin xunta de goberno da que falar… Aínda que isto vai mellorando: despois dalgunha xuntanza con só catro ou cinco puntos na orde do día, a deste venres tiña catorce. E a partir do martes, cando haxa un orzamento propio que gastar e non un herdado, a cousa vai ir, é de supoñer, a máis.