Demelza
Martes, 19 de Maio, 2015HAI dúas grandes correntes á hora de poñerlle o nome aos fillos: unha é a tradición, a que fai que un leve o nome dun familiar, aínda que non chegue a coñecelo. A outra, claro, é a moda, a que fixo que haxa en España toda unha xeración de Albas e Ivanes. No franquismo, levábase o dobre nome (por Juan Carlos e, sobre todo, José Antonio), e antes, na República, o que estaba de moda era o nome do meu pai, que, si, é o meu: Ángel. Logo hai denominacións que delatan outras cousas: hai tempo citei aquí á Guiomar que dobra á filla do protagonista en ‘Castle’; este fin de semana volvín ver, nunha directiva da empresa Prisa, ese belo nome de resonancias machadianas. Porén, esta fin de semana sorprendeume máis unha usuaria do noso Facebook, que se chama Demelza e non semella ser de Cornualles. Os que teñen memoria recordarán aquela Demelza primixenia que entrou nos fogares españois (a comezos da Transición) a través daquela mítica serie de televisión titulada ‘Poldark’: moitos suspiros provocara a parella protagonista (na foto) entre os telespectadores dos dous sexos. Pero xa se sabe que unha cousa é o nome que che poñen ao nacer e outra, como te coñece tododeus despois; estes días, pregúntome se ao fillo de Alejandro Sanz vaille quedar por sempre o de ‘Capitán Tapón’. O importante é ter nome, porque, como dicía certo semiólogo, “stat rosa pristina nomime, nomina nuda tenemus”.