Posts etiquetados ‘naturaleza’

Árbores

Martes, 10 de Maio, 2016

GALICIA, ÁS veces, semella un país tropical; cando menos, máis morno do que di o tópico: penso nos cultivos de kiwis e, sobre todo, nas palmeiras. Disque é ‘culpa’ dos indianos, que as trouxeron dos países tropicais nos que fixeron fortuna. Pero acabaron por ser tan tipicamente galegas como un longueirón da ría (sexa cal sexa esta). Por iso, gástanse milleiros de euros en combater a praga do picudo, que está a acabar con elas sen misericordia. Velas caer, convertidas en lascas, e sentes como se asistiras á morte dun xigante, que as máis das veces é máis vello ca ti. No meu caso, a miña infancia non son recordos de limoeiros (aínda que os había na casa), como Machado, senón das dúas soberbias palmeiras do veciño, niño de tódolos paxaros da aldea na noitiña. En Galicia sempre hai unha árbore que lembrar: os carballos do campo da feira, os piñeiros do parque, a cerdeira allea na que facías incursións de mozo, os negrillos do fondo da Praza Maior, os salgueiros do río que pasa polo centro da vila ou os ameneiros que están morrendo na beira do Miño (ultimamente sucédense as noticias sobre pragas arboricidas)… En Xapón, sempre tan avanzados, están de moda os baños de bosque (shinrin-yoku) e en internet recomendan abrazar árbores, algo que por aquí levamos anos facendo. Eles, mentres, seguen aí, sen que lles fagamos máis caso que o imprescindible. Anda que se contaran o que saben de nós…

(Na imaxe, un carballo nunha rúa de Vigo e unha inscrición alusiva en latín)