Posts etiquetados ‘Nadal’

A aventura

Martes, 12 de Xaneiro, 2016

Logo DakarEN TEMPOS, a principal actividade deportiva que podías ver na tele durante as vacacións escolares de Nadal, Liga de fútbol á parte, era o torneo do Real Madrid de baloncesto. Daquela, chamábame a atención que os deportistas se prestaran a pasar fóra da casa unhas datas nas que o normal, polo menos na miña contorna, era vir mesmo de moi lonxe para pasar as festas en familia. Despois, chegou o París-Dakar, competición que arrincaba cando medio planeta estaba de festa celebrando o cambio de ano. Aquela carreira levaba aos medios de comunicación unha serie de topónimos evocadores: Teneré, Tamanrasset, Niamey… E mirabas con admiración inocente a aqueles pilotos que se metían sós nunha aventura que tiña moito de loucura. Máis tarde viñeron as ameazas de Al Qaeda e os nomes que fan soñar cambiaron, porque a proba saltou a outro continente: Uyuni, Jujuy, mesmo hai un Belén… Pero seguen sendo o mesmo tipo de tolos entregados á aventura por carreiros onde, se cadra, non volverá pasar outro vehículo de motor ata dentro dun ano. É unha (admito que envexable) simple aventura… con GPS, camións con comida para sesenta rexementos, equipos de apoio con máis mecánicos que habitantes teñen algunhas aldeas… Si, logo din que os organizadores desta caravana dan axudas para as comunidades indíxenas, pero che queda un gusto agridoce, como se viras pasar unha expedición de tanques polas ladeiras do Mustallar…

780 luxos

Mércores, 14 de Xaneiro, 2015


FACENDO as compras de Reis, atopo nunha papelería unha pluma Montblanc que custa 780 euros. É unha edición limitada, dedicada a Carlo Collodi, o pai de Pinocho; no estante de abaixo hai máis sobre outras figuras literarias. Xa vira outras, da mesma marca, hai anos, cando se pagaba en pesetas e o seu prezo tiña seis díxitos. A primeira reacción, pasado o asombro inicial, é de admiración e envexa: quen puidera! Pero despois, cando pos o pés na terra, recordas que coñeces xente, mesmo familiares teus, que non chegan a ganar iso ao mes (e cando escribo isto, descubro na tenda online outra estilográfica de 7.700 euros). Así que pensas que aquilo é un produto insultante, case procaz. E máis tarde pensas que todo é matizable. Si, é un prezo groseiro, pero detrás hai unha xente que vive del: o debuxante que deseña a pluma, o artesán que a constrúe, o que vixía que o capuchón peche ben, o que comproba que a tinta circula… o papeleiro que a vende. Está claro que o luxo xera postos de traballo e, por tanto, riqueza. O procaz non é, daquela, o prezo, nin a existencia do produto en si, nin o feito de que haxa xente que pode gastar “unha cantidade indecente de diñeiro”, sexa nunha estilográfica ou nun vestido para Vivian Ward (‘Pretty woman’). Procaz e groseiro sería que ese produto de luxo fora producido con salarios de miseria, cousa que ocorre máis do desexable. Pero o luxo ten que existir: é un xeito de dicirnos que hai máis mundos que o noso e que algunha vez podemos chegar a eles, e, con sorte, non só en soños.

Exactamente unha

Martes, 31 de Decembro, 2013

Cara a un futuro luminoso?

UNHA, exactamente unha felicitación de Nadal en papel recibín este ano. E chegoume daquela maneira: ía dentro dun sobre con outras para diversos membros da familia. Unha. Así que teño que darlle a razón ao meu veciño Luis, que hai un mes, cando escribín aquí sobre postais de Nadal, prognosticoume que os seus fillos (o maior anda polos seis ou sete anos) non van saber que é iso de mandar cartas en papel. Agora andan co debate da eliminación do servizo postal en Canadá e a súa remodelación no Reino Unido. Pero, volvendo ás felicitacións, a súa ausencia en papel non significa que non as recibira. De feito, mesmo penso que este ano enviáronme máis ca nunca: por Facebook, por Twitter, polo móbil e, sobre todo, por e-mail. E decátome de que se antes había practicamente un só tipo de felicitador, o que as enviaba polo Nadal, agora vanse configurando dous: o que as manda por esas datas e o que o fai polo cambio de ano. Podería pensarse que a felicitación antes do 24 é para o que ten un sentimento relixioso destas datas, mentres que o que envía bos desexos nos derradeiros días do ano (cando non o mesmo 31) ten un concepto máis profano ou declaradamente lúdico. Pero iso non é de todo exacto, porque hai outra posible explicación. Por exemplo, este ano, mandei a miña felicitación cibernética onte (un texto no que contrapoño o suspense do futuro e o pasado xa coñecido). Quere iso dicir que eu, que volvo a casa volvo polo Nadal, son un pagán declarado? Non, é que non tiven tempo antes. O tempo é quen máis ordena.

Natalicio

Martes, 24 de Decembro, 2013

DE CATIVO, pensaba que o meu día de nacemento fora o 1 de agosto. Cando fun medrando e me deixaron tocar “os papeis dos maiores”, vin que realmente era o 31 de xullo. É unha data que me gusta polas súas resonancias ‘metafísicas’, por chamalas dalgún xeito: é, por exemplo, o día en que o actual Papa honra ao fundador da súa orde e é, tamén, a data dun dos grandes aquelarres do ano, como ben sabía J. K. Rowling cando fixo que o seu Harry Potter nacese un 31 de xullo. En canto a min, atribuín inicialmente a miña información errada a un despiste da familia, ata que descubrín que case ningún dos meus maiores nacera o día que figuraba no seu DNI, senón antes: por exemplo, a miña nai é de novembro, segundo a familia, pero o rexistro faina nacer en decembro. Foi así como souben que houbo unha época en España en que te podían sancionar se tardabas moito en rexistrar os nacementos. Era, precisamente, o tempo en que o acceso aos rexistros non era doado: imaxínate ter familia en decembro, nunha aldea illada pola neve e ter que agardar meses para ir, por unha estrada daquelas, ata o xulgado. Despois pensei que iso era cousa do pasado, ata que saes do teu primeiro mundo e descobres que en sitios como México ou Tailandia están convencidos de que hai milleiros de nenos que agora mesmo non figuran en ningún rexistro; neste caso, inflúe tanto o lonxe que están os centros oficiais como ese tradicional receo de moitos cara aos censos (isto último foi, por exemplo, causa dos problemas que houbo en Galicia coa supertaxa láctea). Así que en días como este, no que celebramos o nacemento dun neno (cuxos pais, por certo, foron de Nazaret a Belén para se censar), hai que recordar que, como sempre e por desgraza, nacer nun sitio ou noutro non é indiferente.

ADDENDA
Despois de publicado o artigo, vexo que Unicef divulgou este mesmo mes un informe no que avisa de que un de cada tres nenos non existe oficialmente; é un colectivo tan grande (230 millóns) como seis veces a poboación de España. O preocupante informe poden atopalo, en pdf e por agora en inglés, na web do Fondo das Nacións Unidas para a Infancia. E vía Google poden acceder a artigos sobre o que iso supón sobre a perpetuación da pobreza.

Na imaxe, un neno sen problemas censuais, no cadro de Giuseppe M. Crespi ‘Virxe co Neno durminte’.

O Nadal que nos reconvén

Luns, 23 de Decembro, 2013

ALGÚNS odian o Nadal por esa especie de obrigación de ser feliz por decreto, gastar a espuertas, ir coa sonrisita posta aínda que se che morreu o familiar máis próximo, e esas continuas apelacións á bondade e os bos sentimentos que o resto do ano temos esquecidos. No ámbito político, eses días ábrese unha especie de armisticio, que leva a que as guerras se minimicen e a actividade baixe ata niveis case estivais. Iso non impide outra variante de guerra: a orixinada por temas estritamente do Nadal. Se somos capaces de pedir dimisións polo programa dunhas festas, ¿como non imos montala polo Nadal? As liñas argumentais adoitan ser dúas: a iluminación e a calidade dos actos, elemento este último que tamén remite ao aspecto económico.

SEGUE AQUÍ

A comer!

Martes, 3 de Decembro, 2013

ACHÉGANSE eses días nos que facemos cousas que o resto do ano non entendemos e que mesmo veriamos mal. Por exemplo, a ninguén se lle ocorrería copiar un día de vendas como o Black Friday se fose, poñamos por caso, en maio. E ninguén faría un pixama coa foto da súa nai para poñerllo só en maio ao pequeno da casa, fotografalo e espallar a imaxe, sexa por internet ou en papel. Precisamente, penso niso cando atopo no catálogo dun hipermercado unha páxina dedicada case enteiramente a pixamas de Papá Noel, que son xa habituais no Nadal. Xustamente as grandes superficies comerciais son o templo destas datas, cos seus catálogos (mesmo monográficos) cheos de lotes de cousas para comer ou beber. Por que xente habitualmente moderada na mesa come en exceso nestas datas? É un dos grandes misterios do Nadal e a súa contorna. Tamén é un misterio o das viandas específicas: eses produtos manufacturados (non falo dos frescos, obviamente) que só ves nas tendas nesta temporada: na charcutería á que vou, por exemplo, polo Nadal aparecen cousas moi estrañas. Pregúntome se os fabricantes fan esas misturas experimentais porque os consumidores estamos máis dispostos a perdoar nesta época na que nos convidan a espallar paz e amor. Iso si: este ano, quizais pola crise, xa non hai tanto turrón experimental. O meu favorito, por sorte, é o brando: mágoa que non o vendan máis tempo.

A man

Martes, 19 de Novembro, 2013

ACHÉGASE a única época do ano na que uso o servizo postal para enviar textos escritos do meu puño e letra, aínda que recoñezo que cada vez son menos. Resulta máis cómodo mandar a felicitación de Nadal por correo electrónico, pero cubrir un anaco de papel cun (pequeno) texto ten para min moito de tradición, ademais de reto, porque procuro saírme do habitual “Bo Nadal e feliz Aninovo”. Co reencontro do instituto que vivín este verán, recuperei na casa dos meus pais unha chea de cartas daquela. Pero eran outros tempos, cando chamar por teléfono era caro e o mellor era escribir cartas. Repasando algunhas, atopo auténticas xoias, como a do amigo que me remitiu un texto de varios folios contido case na súa totalidade dentro duns parénteses: era un xeito de rirse da miña paixón polos parénteses (que é evidente que non diminuíu). Facías debuxos, xogabas co tamaño das letras, usabas cores, pegabas fotos… ou sexa, o mesmo que podes facer agora cun ordenador. O mellor destas postais de Nadal é que debe de ser unha das poucas épocas do ano en que nas caixas do correo das casas hai algunha carta escrita a man: cóllela e sénteste estraño, como se fixeras unha viaxe no tempo. Neses días, recordo cando me compraron a máquina de escribir coa que fixen a carreira; alguén avisou de que así ía escribir peor a man. Acórdome cando vexo as miñas inintelixibles notas das roldas de prensa ou, precisamente, os textos desas postais de Nadal.

POST SCRIPTUM

Na columna da última non tiven espazo para recordar, por exemplo, os feixes de cartas do meu pai que conserva a miña nai, de cando moceaban ou de cando el estivo en Holanda. Algunhas eran postais como esta, mesmo coloreadas, que agora semellan repipis pero que daquela era o que se levaba. Aínda que, máis que a foto, devecía por recuperar esta canción de Vainica Doble, de impagable letra, que é, precisamente, dos meus tempos universitarios (e, por certo, vou publicar o artigo o día en que lle dan o Premio Nacional de Músicas Actuais a alguén que fixo popular ten unha canción escrita por unha das integrantes do dúo):

Nadal

Mércores, 24 de Decembro, 2008

Hai tempo, dende que a comprou Cimpor, que Corporación Noroeste ten pouco de luguesa, agás as canteiras e a fábrica de Oural, Aínda así, o seu agasallo institucional deste Nadal si que ten acento lugués. Trátase dun precioso libro, en edición de luxo, titulado Galicia: nai e señora, escrito en tres idiomas (galego, castelán e inglés, por esa orde), que ten como autores ao ourensán Carlos Casares, o semi ribadense Xavier Rodríguez Baixeras e o lancarao Basilio Losada. 

Felicitación de Nadal da Deputación 2008

Ademais dos agasallos, outro clásico destas datas son as felicitacións de Nadal. Estase a poñer de moda o Nadal laico e virtual (vía email), mesmo entre católicos recoñecidos e confesos como o presidente da Deputación, quen envía por correo-e a postal que aquí lles poño. Non se alporicen demasiado, porque o seu predecesor xa puxera de moda postais que eran fotos de realizacións da Deputación.

E agora déixoos, que iso me recorda que eu aínda teño por enviar os SMS de Nadal.

Boas festas, sexan laicas ou non.