Posts etiquetados ‘municipais 2015’

Electuras – O mapa

Xoves, 28 de Maio, 2015

O Telegrama sobre o demorado (porque vai con atraso e porque vai amodo) dáme pé para iniciar unha serie de posts sobre o que deu de si a xornada electoral, na que houbo cousas ben curiosas. Vounas chamar electuras, un palabro que xorde de xuntar as palabras ‘electoral’ (tamén me vale ‘eleccións’) e ‘lectura’. E unha das primeiras consecuencias é o mapa.

Xa nos tempos de Francisco Cacharro se falaba do ‘cinto vermello’ de Lugo, para referirse a eses concellos, nomeadamente da Montaña (Cervantes, Negueira de Muñiz, Pedrafita do Cebreiro, daquela As Nogais) que se resistían ao dominio popular e eran gobernados polo PSOE, ese partido ao que todos os medios atribuímos a cor vermella nos gráficos. Este 24-M, o cinto agrandouse, porque se pode ir dende O Incio ata Trabada (a última incorporación) bordeando a fronteira con León e Asturias pisando só concellos do PSOE. Quedan fóra tres que en tempos foron deste partido, Folgoso do Courel, Triacastela e o devandito As Nogais, e incorporánse outros que nunca o foron: Ribeira de Piquín, Lourenzá e a devandita Trabada.

Demorado reconto

Mércores, 27 de Maio, 2015

COA RENOVADA teima por demoler a Transición, volve o runrún de que España vive nunha democracia imperfecta. Abofé que non temos a soleira de países como o Reino Unido, Francia ou Estados Unidos, que foron avanzados en deixar falar ao pobo. Pero hai momentos nos que sentes certo orgullo patrio cando te comparas con esas democracias avanzadas. No Reino Unido, por exemplo, onde teñen un sistema electoral endiañado, o reconto pode prolongarse ata o mediodía do día seguinte, como vimos de ver. En Irlanda, escrutar unhas papeletas cun ’si’ ou un ‘non’ levoulles case un día. Nas eleccións presidenciais de Estados Unidos, os resultados que imos coñecendo na madrugada son enquisas e prospeccións das teles, non os oficiais. Así que podiamos presumir do noso sistema de reconto… ata o 24-M. Saben que aínda hai concellos (Mondoñedo, Tui…) onde a web de Interior non ten o resultado final? Saben que o reparto das deputacións non o meteron ata o martes, e por vía pdf? E pensar que chegamos a exportar o noso sistema de reconto. Mercaríano desta volta nunha tenda de saldos?