Posts etiquetados ‘mulleres’

Electuras – Elas

Luns, 1 de Xuño, 2015

O suplemento A Mariña destaca o martes 26 en portada as catro alcaldesas que depararon as eleccións: unha do PP, Elena Candia (Mondoñedo) e tres do PSOE: Rocío López (Lourenzá), Mayra García (Trabada) e María Loureiro (Viveiro), a única que xa o era. As catro son mozas, o que significan que teñen unha larga carreira política por diante; algunha tena tamén por detrás, como Candia, concelleira dende 2003 e alcaldable tres veces, ou Loureiro, que leva na corporación dende 2007, aínda que como man dereita de Melchor Roel.

Mayra García queda preto de bater o récord de precocidade en Lugo, que mantén Xosé Manuel Mato Díaz. Este home, do PP, chegou á alcaldía de Paradela con 25 anos e aí segue, 36 anos despois. É dicir: Mato xa era alcalde cando naceu García, cuxa vitoria foi unha das sorpresas da noite electoral.

As catro converten á Mariña na comarca con máis alcaldesas. Súmanse ás do Courel, O Incio, Triacastela e (previsiblemente) Guitiriz (esquezo algunha?), o que vai converter este mandato nun dos que máis mulleres verá nas cadeiras de mando. Non sei que é máis preocupante, que nos teñamos que alegrar por esta normalización ou que as alcaldesas sigan sendo noticia.

Os bolsos

Mércores, 12 de Marzo, 2014

HAI UNHA escena en ‘Un día inolvidable’ en que Michelle Pfeiffer empeza a sacar do bolso cousas suficientes para improvisar cadanseu disfrace para o seu fillo e para a pequena de George Clooney. Este, asombrado, acaba por preguntar de onde saíu todo aquilo: como se o bolso da muller fose como eses sombreiros dos que os magos extraen coellos, panos ou o que faga falta. Coñezo mulleres que levan no bolso “a vida enteira”, como me ten dito algunha delas; e algo de certo hai nesa expresión, porque dese complemento pode saír dende unha axenda (porque é unha traballadora activa), ata un cueiro (porque é nai ou filla), pasando por un estoxo de maquillaxe (porque se quere sentir persoa ou máis guapa nalgún momento) ou, xa postos, un zapato plano para as derradeiras horas do traballo ou do día. Os homes, que somos máis simples, amañámonos cos petos do pantalón ou da chaqueta ou peza de abrigo… Aínda que iso era máis antes, porque, neste tempo en que podemos levalo todo no móbil (mesmo hai agora un anuncio que o promociona con pintura corporal), os homes acabamos de descubrir a comodidade do bolso… bueno, os homes e as marcas, que agora os venden. E postos a copiar, mesmo imitamos algo que nunca entendín, pero que é, polo visto, unha lei inapelable: canto máis pequeno é o bolso, máis necesitas cambiar a un grande, e canto máis grande é, máis o enches. Todo un misterio.

Piropos

Martes, 1 de Febreiro, 2011

Obras en Abella. SEBAS SENANDECAMIÑO da redacción, hai unhas cantas tardes, non puiden evitar oír a conversa que mantiñan dúas adolescentes ás que adiantei. A que levaba a voz cantante queixábase de que os obreiros non lle dicían piropos cando pasaba. “Eu vou como vou e o normal é que eles me digan algo. É o seu!”, exclamaba. Aclaro que a moza, que semellaba pasar dos quince anos, non era fea, así que os obreiros non teñen xustificación para non lanzarlle algunha desas inconfundibles (e, ás veces, bestiais) gabanzas tan míticas e hispanas. Quizais pensando niso, os comerciantes de Monforte veñen de convocar un concurso. Pero é que as cousas cambiaron moito nos últimos anos: para empezar, están os que temen pasarse e que os denuncien por sexismo por calquera chorrada. E tamén están os estranxeiros, abundantes na construción (albaneis, fontaneiros e butaneiros, esas profesións tan ’sexis’, segundo a mitoloxía popular), que non controlan o idioma e, en vez de dicirche “frumos fund!” (“bonito cu”, en romanés) e que non o entendas, prefiren calar. Aínda que eu creo que os piropos van esmorecendo porque, coa Crise, xa non se ven obreiros na rúa, e os poucos que hai están tan preocupados por manter o emprego que nin abren a boca. Así que se a rapaza quere piropos vai ter que pasear por una cola do paro, aínda que sospeito que os da fila non van estar de humor para piropeala.

Roupa

Martes, 4 de Xaneiro, 2011

NON É difícil atoparse, nas madrugadas, algunha reemisión en Clan TV dunha interminable serie sobre as viaxes de Hércules (nota para cinéfilos: está producida por Sam Raimi). Hai uns días caín na conta da parquedade do vestiario dos actores: o compañeiro do protagonista vai polo mundo cun chaleco sempre aberto e sen nada por debaixo, exhibindo pectorais; as mulleres tamén locen escotes impresionantes. Nunca chove e parece como se sempre fixera bo tempo. Teoricamente, a época na que se desenvolve a serie é a da Grecia clásica: quizais os directores artísticos inspiráronse nas esculturas que estudamos no instituto, coa técnica aquela do pano mollado (gran Fidias!), que tanto lles gustaba ás nosas mentes adolescentes. Nas series sobre eses tempos é doado ver mulleres lixeirísimas de roupa a carón de homes con cinco ou seis quilos de peles de animal enriba. Pensarán os guionistas que as mulleres non pasan frío? Será que aqueles tempos eran máis cálidos que agora? Logo, a xente normal inspírase en series como esa, a de Xena ou outras, e así se visten para festas como o Arde Lucus, onde os romanos van lixeiros de roupa e os locais, ben abrigados: como sempre, os que veñen de fóra xa daquela tiñan problemas coa roupa que hai que poñer cando se sae da casa.

Mulleres

Xoves, 12 de Xullo, 2007

As mulleres están asumindo moito protagonismo estes días na política provincial: a bloqueira María Xosé Veiga, a sociata Lara Méndez (foto da dereita) e maila pepera Isabel García Pacín (esquerda) E algunha mala lingua fala doutra muller do PP, Manuela López Besteiro, a quen nalgúns ámbitos acusan do cambio do actitude dos populares diante do decreto sobre o galego.

De Pepa xa teño escrito aquí; segue sen estar claro se vai ser ela a vicepresidenta primeira da Deputación, e hoxe Xosé Antón Bao, o voceiro do BNG na negociación co PSOE, dicía que aínda non hai nomes. Estes días, os dous están a coincidir con Lara na famosa habitación do ‘Méndez Núñez’.

Disque os que levan o peso da negociación son os máis coñecedores dos entrebastidores da Deputación: Bao, Antón Veiga, Manuel Martínez, Xosé Ramón Gómez Besteiro. Pepa e Lara tamén fan algunha achega, pero menos, e Lago Lage, que pelexou moito en tempos con Cacharro, tamén. Creo que entre todos están conseguindo facerse unha idea do labirinto que se creou no ente provincial nos últimos 24 anos.

E de García Pacín, a concelleira de Friol que vai substituír a Xosé Manuel Barreiro no Parlamento galego, que queren que lles diga? Por certo, coa entrada de Isabel, o grupo lugués do PP vai quedar totalmente paritario: catro homes e outras tantas mulleres. O do BNG seguirá a selo: un home e unha muller, se Cristina Ferreiro acepta substituír a Pepa Veiga.

Isabel ten todas as beizóns de Antonio Muiña, o imbatible alcalde de Friol, a quen o noso fotógrafo ‘cazou’ collendo o móbil mentres os seus compañeiros do PP remataban de aplaudir a Cacharro o mércores, no pleno de despedida. Daquela, Muiña non sabía que Barreiro xa anunciara que deixa o Parlamento, pero algo debía de albiscar. Que sería do PP provincial sen este home? E que sería de Barreiro se Muiña chega a manterse naquela terceira vía que case promoveu no seu famoso manifesto de abril do 2006?