Posts etiquetados ‘María Xosé Vega Buján’

As mulleres de Monforte

Mércores, 17 de Xullo, 2013


Reaparece Francisco Cacharro (para “pasar un exame”, di coa súa imperecedoira retranca), pero non é o único. Na foto está con el Lucía Vázquez, desta volta en funcións de avogada. Algúns aínda se acordarán desta muller, que foi un elemento básico na gobernabilidade de Monforte non hai moito tempo; empezou de compañeira de partido de Celestino Torres e acabou indo por outro lado, primeiro nun axitadísimo mandato municipal (o de 1999 a 2003) e despois, no Partido Galeguista. Foi concelleira por Inga (Independentes de Galicia), un partido de nome nórdico que fora predecesor do Terra Galega co que chegou a contactar Cacharro cando no PP xa lle mostraran a porta de saída.

Vázquez é a demostración de que a política municipal de Monforte sempre está unida a algún nome forte de muller (ou a unha muller forte, se é que hai algunha que non o sexa): por exemplo, María Jesús Tapia, quen dera o salto dende o hospital ata o Parlamento galego; a devandita Lucía Vázquez; a actual deputada autonómica Julia Rodríguez; a número dous do Concello, María Xosé Vega Buján, e, por suposto, a que máis ríos de tinta fixo correr: Mónica Legaspi, que non era política, senón funcionaria municipal (interventora), pero fixo tremer os cimentos da política local. Agora, por certo, seica traballa para Francisco Cacharro… pero o júnior, xa que está na Deputación de Ourense.

A asesoría de Deportes

Luns, 1 de Outubro, 2007

Pouco a pouco, vai tomando forma a fontanería do grupo do BNG na Deputación de Lugo; ou sexa, iso que tecnicamente se chama asesorías. Foron máis rápidos os do PSOE, pero, como son tantos deputados, aínda non teño a lista completa socialista. Que conste que nin os nomeamentos duns nin os dos outros saíron aínda no Boletín Oficial da Provincia. Pero todo se andará.

Hoxe chegou a San Marcos Vítor Otero Vázquez, que vai ser o xefe de gabinete do vicepresidente primeiro, Xosé Antón Bao. Xa saben o que se di: o subordinado do xefe é o xefe dos subordinados. Un dato curioso: é home que ten antecedentes na Deputación.

En Cultura, xa leva tempo traballando unha das Abraira, Raquel, a quen dende hai tempo estamos a ver co pelo vermello. Ligada a Galiza Nova, é membro activo da AS-PG. Por certo, se hai algún cambio máis na representación luguesa do BNG no Parlamento galego, ela é unha das substitutas, despois de Xosé Chorén (unha aperta nestes momentos de dor).

As fichaxes de máis sona caen na órbita de María Xosé Vega Buján, pois trae a dúas persoas de fóra. Unha procede da Vicepresidencia da Xunta e vaise ocupar da área de servizos sociais. Chámase Susana e non sei se se apelida Quintas Gutiérrez ou Maceiras Pérez. A outra fichaxe é a dun membro do BNG de Ferrol, chamado Xaquín (tampouco coñezo o apelido), que se vai ocupar da área de turismo.

Pero a incorporación máis potente pode ser a do técnico de Deportes, o que vai asesorar a Antonio Veiga. Un home que ten moitas opcións é, disque, Vicente Castro Reigosa, concelleiro de Deportes de Ribadeo, aínda que hoxe un bo amigo contoume que un nome que empeza a gañar puntos é o de Eduardo Fernández Abel, actualmente xefe provincial de Deportes, da Consellería de Cultura. Esta si que sería unha fichaxe de sona.