Posts etiquetados ‘Manuel Martínez’

Os protagonistas da semana

Sábado, 31 de Outubro, 2009

Da páxina deste domingo caeu (sobraban un milleiro de caracteres, sen esaxerar) unha pequena nota que eu tiña sobre Manuel Lorenzo Varela, o ex alcalde de Chantada que esta semana consumou o cisma do PP. Ía recordar que unha das amizades fieis que lle quedan, quizais porque é doutro partido, é o actual alcalde de Becerreá, Manuel Martínez. Neste blog hai testemuño disto: aquela aperta cariñosa que se deron, como dous amigos de toda a vida que son, o 28 de maio de 2007, cando un xa sabía que ía ser alcalde de Becerreá e o outro, que ía perder a poltrona municipal en Chantada. É curioso como están ligadas unhas cousas a outras. Martínez, deputado delegado de Infraestruturas, é agora, polo menos en teoría, o xefe na Deputación de Xoán Xosé Díaz Valiño, alcalde de Castro de Rei e deputado delegado da rede viaria provincial, quen foi o outro nome propio da actualidade política nesta semana que agora termina.

Vocabulario

Sábado, 3 de Xaneiro, 2009

É curioso ver como algunhas palabras mantéñense de actualidade aínda que cambien os tempos ou os gobernos. Por exemplo, hai uns días fíxome graza ver que Fernando Blanco segue a usar a palabra transparencia. Hai anos, cando era oposición, utilizábaa contra Francisco Cacharro, daquela presidente da Deputación de Lugo; agora, que é conselleiro, utilízaa para defender o reparto eólico.

Mentres Blanco falaba de transparencia, o seu compañeiro de oposición Manuel Martínez, daquela voceiro socialista, empregaba naqueles tempos a palabra clientelar, referida á política de Cacharro. Curiosamente, agora na Deputación segue a usarse, pero desta volta en boca de Xosé Manuel Barreiro, do PP. Serán palabras que quedan prendidas nas cadeiras do salón de plenos do pazo de San Marcos e pasan dun a outro?

Os 65

Domingo, 21 de Setembro, 2008

Ademais do que conto na miña sección semanal de cada domingo, isto da anulación da convocatoria de 65 prazas de persoal para a Deputación ten un par de interpretacións interesantes, que non sei eu se andarán a darlle ás voltas no equipo de goberno.

  1. Como só son válidas 18, porque é o tope que admite a Lei, cabería a posibilidade de aceptar 18 prazas. Pero… cales? Que se fai cos que excedan do cupo?
  2. Disque hai algún precedente dunha oposición anulada por unha sentenza na que, ao final, despois doutro longo proceso xudicial, a Administración implicada tivo que admitir por narices aos anulados, que se sintiron discriminados. Se non me equivoco, é algo parecido ao que pasou cos veterinarios e a Consellería do Medio Rural.

Se cadra, pode que esta semana que agora comeza saiamos de dúbidas. Aínda que a Deputación ten un prazo de dous meses para facer cumprir a sentencia. Dende logo, desta está claro que non vai ser Manuel Martínez quen se dirixa á Xustiza para esixir o seu cumprimento.